Presentación de «Antón. Uno más, nada menos» con presenza do autor

Un encontro para escoitar unha voz que reivindica dignidade, respecto e humanidade.
O mércores 10 de decembro, ás 18:30 horas, coincidindo co Día internacional dos dereitos humanos, acolleremos na biblioteca a presentación do libro Antón. Uno más, nada menos, escrito por Antón Fontao Saavedra (Sada, 2004).
A obra reúne os textos que Antón escribiu en forma de diario entre os 14 e os 18 anos, un período no que a escrita se converteu nun espazo terapéutico para afrontar soidades, silencios e invisibilidades vividas durante a etapa de Educación Secundaria. Estes relatos, intensos e profundamente honestos, amosan o impacto real que pode ter o illamento no alumnado discriminado pola súa diversidade funcional, lembrando que a falta de recoñecemento é tamén unha forma de maltrato.
O libro, autoeditado polo propio autor e pola súa familia neste mesmo ano 2025, está a percorrer diferentes cidades galegas e españolas, coa esperanza de abrir conversas necesarias arredor dunha escola máis consciente, respectuosa e atenta ás consecuencias do illamento.
No acto contaremos coa presenza de Antón Fontao Saavedra, que estará acompañado por Susana Pérez e Nerea Ávila, compañeiras no seu activismo polos dereitos das persoas discriminadas pola súa diversidade funcional. Tras a conversa, haberá sinatura de exemplares, que se poderán adquirir no propio evento.






Añadir comentario