Presentación de Xanelas ao mundo, de Cristina Otero Correa

Miércoles, 4 de Marzo de 2026

Un encontro literario e musical para público infantil e familiar

O sábado 14 de marzo, ás 11.00 horas, Cristina Otero presenta na biblioteca o seu libro Xanelas ao mundo, a tavés dunha proposta literaria e musical cunha duración aproximada de 30 minutos que combina lectura dramatizada, interpretación sonora e elementos audiovisuais.

Cristina Otero Correa (Ferrol) é clarinetista, mestra de música e especialista en cooperación internacional. Entre Galicia e Uganda foi construíndo unha traxectoria educativa marcada pola curiosidade, a empatía e o compromiso co dereito á educación. Entende a arte como unha ferramenta para conectar culturas e transformar a maneira de mirar o mundo, e esta obra nace precisamente desa experiencia vital.

Durante a presentación, a autora interpretará o primeiro capítulo do libro acompañada polo músico e ilustrador Sergio Sande. A función propón unha viaxe escénica ata Xapón a través de Luz, unha nena invidente protagonista da historia, convidando ao público a descubrir a aventura mediante os sentidos. A música terá un papel central, con sons inspirados nos tambores taiko, flores de loto e melodías como o canto tradicional Akai Hana.

Ao remate da actividade todas as persoas que o desexen poderán adquirir un exemplar do libro.

O acto está aberto ao público en xeral ata completar o aforo dispoñible da sala.

 

 

Etiquetas: 
Encontros con autoras
Presentacións de libros
Música