Chistes que foron contos
Sesión de contacontos para público xuvenil e adulto na que o humor e a tradición oral van da man.

O venres 24 de abril ás 19:30 h teremos na biblioteca unha nova cita coa palabra contada, dirixida a público xuvenil e adulto. Baixo o título Chistes que foron contos, o narrador Avelino González propón unha viaxe pola memoria colectiva na que o humor serve de fío condutor para descubrir historias que levan moito tempo agardando ser escoitadas.
Moitos dos chistes que circulan hoxe teñen a súa orixe en contos antigos. Rabuñando un pouco aquí e acolá, aparecen personaxes pintorescos ou relevantes, lendas de mouras e tesouros, anécdotas e sucedidos tráxicos, cómicos ou amorosos. Historias que poderían converterse en argumentos de series de televisión… pero que non adoitan saír na pantalla. Así que, como manda a tradición, serán contadas en directo, coa complicidade do público e coa forza da narración oral.
Convidámosvos a participar deste serán diferente, no que o humor intelixente, a cultura popular e a imaxinación se mesturan nunha sesión pensada para escoitar, sorrir e deixar voar a memoria.
A asistencia está aberta ao público en xeral sen necesidade de inscrición previa, só limitada ao aforo dispoñible da sala.






Añadir comentario