Presentación de El libro de las cosas pequeñas, de Esther Val Rodríguez

A Biblioteca acollerá o mércores 22 de xullo, ás 18:30 h, a presentación de El libro de las cosas pequeñas, a primeira novela de Esther Val Rodríguez.
O mércores 22 de xullo, ás 18:30 h, a Biblioteca acollerá a presentación de El libro de las cosas pequeñas, a primeira novela de Esther Val Rodríguez (Ferrol, 1962).
Lectora apaixonada e autora de relatos e poemas premiados en diferentes certames literarios, Esther Val Rodríguez participou durante anos en obradoiros de creación literaria da comarca e publicou relatos nos Relatos de Verán de La Voz de Galicia. Na actualidade comparte textos, poemas e reflexións a través das súas redes sociais.
El libro de las cosas pequeñas é unha novela con forma de diario que percorre, ao longo dun ano, a historia ficcionada dunha muller común na súa extraordinaria complexidade. A memoria, os coidados, o alzhéimer, a literatura, o cinema, a mocidade, a vellez, a morte e os soños que nunca se abandonan entrelázanse nun relato íntimo construído a partir desas pequenas cousas que acaban dando sentido á vida.
Durante a presentación, a autora estará acompañada pola escritora Raquel Villanueva Lorca, autora de varias novelas e integrante de diferentes asociacións literarias; polo escritor Antón Cortizas, referente da literatura infantil e xuvenil galega e recoñecido con numerosos premios; por José Otero, vicepresidente e xerente de AFAL Ferrolterra; e por Carme Romero, ceramista, música e directora do Museo de Esmelle, que será a encargada de poñer a música ao acto.
Ao remate da presentación, as persoas asistentes poderán adquirir un exemplar do libro. O 50 % dos beneficios obtidos coa venda da obra destinaranse á Asociación de Familias de Enfermos de Alzhéimer e Outras Demencias (AFAL Ferrolterra).






Añadir comentario