María Timiraos presenta os seus libros «No me rompí del todo»

Jueves, 29 de Octubre de 2026

A escritora María Timiraos presentará o venres 6 de novembro os dous libros da serie No me rompí del todo, nos que aborda o acoso escolar, as feridas emocionais e as consecuencias que determinadas experiencias poden deixar ao longo da vida.

A biblioteca acollerá o venres 6 de novembro ás 18:30 a presentación dos libros No me rompí del todo. Aprender a vivir después del daño e No me rompí del todo. Las partes que quedaron en silencio, da escritora María Timiraos. A propia autora será a encargada de presentar as dúas obras, nas que comparte a súa experiencia persoal a través dunha escrita autobiográfica e reflexiva.

O primeiro libro percorre diferentes etapas da vida da autora, marcadas polo acoso escolar, a depresión postparto, o abandono emocional e a sensación de non atopar un lugar propio. A obra aborda as feridas que deixan estas vivencias, pero tamén o proceso de reconstruírse e aprender a vivir despois do dano sufrido.

Na segunda entrega, María Timiraos afonda nas experiencias e emocións que permaneceron en silencio durante anos, así como nas súas consecuencias emocionais. A través dun relato íntimo, explora cuestións como a dor, a identidade e a recuperación da propia voz.

Nacida en Mañón en 1985 e residente actualmente en Ortigueira, a autora iniciou en 2026 a publicación desta serie literaria, na que dá forma escrita a vivencias persoais e a cuestións que non sempre resulta doado expresar, como o acoso escolar, a depresión, a maternidade e o abandono emocional.

A presentación ofrecerá unha oportunidade para coñecer de primeira man o proceso creativo da autora e achegarse a unhas obras que poñen o foco nas consecuencias emocionais das experiencias vividas desde a infancia ata a idade adulta.

Ao remate, todas as persoas interesadas poderán adquirir un exemplar das obras.