
Lotes cheos de contos, películas, música e outros materiais para levar en préstamo sen saber que hai dentro este Nadal.
Chega de novo unha das nosas citas máis esperadas destas datas. Volvemos propoñer, un ano máis, os Préstamos de lotes sorpresa, que este ano acadan xa a súa duodécima edición.
En que consiste?
É unha actividade pensada para nenos e nenas con espírito curioso, aos que lles gusta probar cousas novas e deixarse sorprender.
Na biblioteca preparamos diferentes paquetes con documentos variados (libros, CDs, DVDs…), seleccionados coidadosamente polo persoal pola súa calidade literaria ou estética. Os lotes están organizados por tramos de idade, aínda que xa sabedes que esta referencia é orientativa… a curiosidade non entende de números.
Como funciona?
Cada vez que un neno ou nena veña á biblioteca para levar materiais en préstamo poderá escoller, totalmente a cegas, un número de lote sen saber que contén. O reto é non abrilo ata chegar á casa.
No seu interior atopará unha combinación de contos, libros informativos, películas, músicas… (cada lote é diferente), seleccionada polo equipo da biblioteca. Dentro de cada paquete hai unha folla que explica por que se escolleu cada un dos materiais.
Sabemos que ás veces algunha proposta pode non encaixar de primeiras cos seus gustos habituais, pero tamén cremos que é unha boa oportunidade para abrir a mente e achegarse a historias e temáticas que quizais nunca antes explorara.
Que pedimos a cambio?
- O compromiso de non abrir o paquete antes de chegar á casa.
- Disposición para botarlle unha ollada a todos os materiais, mesmo a aqueles que a priori non chamen tanto a atención.
- Que cubra a folla de opinión que atopará dentro do lote. Para nós é moi importante saber que funcionou e que non. As críticas construtivas tamén son benvidas!
Anímaste a participar?
Agardámoste na sección infantil da biblioteca dende o luns 22 de decembro ata o sábado 3 de xaneiro, no noso horario habitual de apertura.
A Axencia de lectura municipal da Gándara súmase un ano máis á iniciativa, polo que tamén será posible levar lotes sorpresa en préstamo nas mesmas datas, no seu horario de apertura (de luns a venres, de 17:00 a 19:00 horas).





