
Namórate dun libro este San Valentín!
O amor pode aparecer nos lugares máis inesperados, e os libros non son unha excepción. Ás veces, unha historia que nunca imaxinamos pode atraparnos e facernos sentir algo especial.
Un ano máis, na biblioteca queremos axudarte a atopar o teu próximo frechazo literario cunha cita a cegas coa lectura.
En que consiste?
Do luns 10 ao sábado 15 de febreiro (ou ata esgotar existencias), haberá unha selección de libros envoltos agardando por ti. Nesa selección hai un pouco de todo, mesmo libros da sección infantil que nos encantaron por diferentes motivos e que non podes perder.
Non verás o título nin a portada, só unhas pequenas pistas que che axudarán a escoller.
Poderás levar un exemplar para a casa, descubrilo e deixarte conquistar polas súas páxinas.
Que buscamos con esta iniciativa?
- Animarte a explorar lecturas fóra da túa zona de confort.
- Dar visibilidade a libros que pasan desapercibidos entre as novidades.
- Sorprenderte con autoras e autores que quizais aínda non coñeces.
- Descubrir novos estilos e xéneros literarios.
Para quen?
Para público adulto, a partir de 16 anos.
Tamén na Axencia de lectura da Gándara!
Se che resulta máis cómodo, podes participar na Axencia de lectura da Gándara do luns 10 ao venres 14 de febreiro, no seu horario de apertura (17:00 a 19:00 h).