
A Biblioteca acollerá do 18 ao 30 de maio a exposición Tebasaki e sake morno, de Carolina Martínez Rodríguez.
A nosa sala multiusos volve a acoller unha exposición artística, neste caso Tebasaki e sake morno, de Carolina Martínez Rodríguez.
A mostra poderá visitarse do 18 ao 30 de maio no seguinte horario:
- De luns a venres de 17:00 a 20:00 horas.
- Sábados de 10:00 a 13:00 horas.
Carolina Martínez Rodríguez (Narón) é fotógrafa cunha ampla traxectoria que combina creación artística e xestión cultural. Formada inicialmente no ámbito técnico e posteriormente en fotografía e cultura visual, ao longo dos anos participou en proxectos expositivos, colectivos e iniciativas de dinamización cultural, ao tempo que desenvolve unha liña de traballo persoal centrada na investigación da imaxe e dos seus significados.
A exposición Tebasaki e sake morno, realizada entre 2023 e 2025, foi concibida como un proxecto específico e preséntase como un conxunto de 24 pezas, acompañadas dun vídeo e un texto que completan a proposta. As obras combinan fotografía con técnicas tradicionais xaponesas como o shibori e o gyotaku, aplicadas sobre soporte téxtil. Cada peza preséntase suspendida en estruturas de bambú que remiten aos noren, elementos propios da cultura xaponesa utilizados para delimitar espazos.
O proxecto articúlase arredor do desexo como eixo temático e constrúese a partir dun proceso de traballo en forma de diario. A autora parte de rexistros vinculados á experiencia persoal que, tras un tempo de distancia, investigación e lectura, son editados e reorganizados ata conformar o discurso expositivo.
A exposición supón ademais un punto de inflexión na traxectoria da autora, ao integrar novas técnicas e soportes que amplían o seu campo de traballo. Para ela, presentar esta mostra nunha biblioteca pública responde á vontade de facilitar un acceso aberto e universal á creación contemporánea, favorecendo o encontro directo entre a obra e o público. Nesta liña, a autora ofrecerá unha visita guiada o xoves 28 de maio ás 19:00 horas, na que as persoas asistentes poderán coñecer a obra da súa man. Para participar será necesario inscribirse (de maneira presencial ou chamando ao 981382173) a partir do xoves 21 de maio ás 9:30 horas.





