
O venres 29 de maio ás 18:30 horas a biblioteca acollerá a presentación de Luz de obra, o novo poemario de Darío Barro.
A biblioteca continúa coa súa programación cultural o venres 29 de maio ás 18:30 horas coa presentación de Luz de obra, o novo libro de Darío Barro, publicado por Editorial Loto Azul.
Neste poemario, o autor propón un percorrido poético polas estancias da memoria e polos lazos que nos definen. A través de versos marcados pola sensibilidade e a reflexión, Luz de obra aborda cuestións como o nacemento, a vellez, a orfandade, a paternidade ou a aprendizaxe do amor, nun diálogo constante entre a dor e a beleza da experiencia humana.
Darío Barro é licenciado en Psicoloxía e desenvolve a súa actividade profesional como profesor de ELE e psicólogo. A súa traxectoria literaria abrangue poesía, narrativa breve e ensaio, e foi recoñecida con diversos galardóns, entre eles o Premio Álvaro Paradela de Relato Curto, o Premio de Poesía Cristina Amenedo ou o Concurso Xaime Illa Couto de Poesía. Ademais, participou en publicacións colectivas e mantén unha activa colaboración en iniciativas culturais, radiofónicas e literarias.
A actividade será de acceso libre ata completar a capacidade da sala. Durante a presentación, Darío Barro estará acompañado por Cristóbal Veiga, que amenizará o acto cun acompañamento musical de guitarra. As persoas asistentes interesadas poderán adquirir exemplares do libro ao remate da actividade.





