
Aventura sobre dúas rodas por Asia Central.
A Biblioteca Municipal de Narón acollerá o mércores 17 de xuño ás 18:00 horas a presentación de Expedición en solitario al corazón del mundo, o libro de Paula Belenda, viaxeira, ilustradora e autora nacida no Bierzo en 1990.
Ademais de falar sobre o proceso de creación do libro, a autora compartirá co público a experiencia desta longa viaxe en solitario atravesando Asia Central sobre a súa moto Freya; unha aventura chea de retos, encontros e aprendizaxes.
Apaixoada por descubrir o mundo, Paula leva anos facendo da viaxe unha forma de vida e, dende hai tres anos, percorre estradas e fronteiras sobre dúas rodas. Tras unha travesía de case un ano desde a súa terra natal ata Irán, decidiu transformar as súas vivencias en palabras e ilustracións, dando forma a unha obra que fala de liberdade, resistencia e descubrimento persoal.
A través deste libro, a autora convida o público a acompañala nun percorrido capaz de transportarnos ás montañas de Kirguistán, ao interior dunha yurta a 3.500 metros de altitude ou ás rúas dun bazar iraniano impregnadas do arrecendo do té acabado de facer.
A tamén viaxeira sobre rodas Paula Paz acompañará á autora neste acto de presentación do libro e da experiencia. Ao rematar, as persoas asistentes poderán mercar exemplares do libro.





