
Conmemoramos o Día das Escritoras cunha conversa-coloquio con tres autoras naronesas
Con motivo do Día das Escritoras [1], a biblioteca acollerá o vindeiro luns 19 de outubro, ás 18:00 horas, a conversa-coloquio Elas escriben, na que participarán as autoras naronesas Ana Varela, Isabel Ramos e Raquel Villanueva.
A actividade propón un encontro próximo e aberto ao público no que as tres escritoras poderán compartir experiencias e conversar arredor de cuestións relacionadas coa creación literaria e coa experiencia de escribir sendo muller: o tempo para escribir, os coidados e a conciliación, a visibilidade e o recoñecemento das autoras, a construción de personaxes femininas ou a relación coas lectoras e os lectores, entre outras.
A perspectiva de xénero estará presente ao longo da conversa, vinculada ás experiencias das propias participantes e aos cambios que se produciron nos últimos anos no ámbito literario.
O encontro forma parte do proxecto de prácticas dunha alumna do Ciclo Superior de Promoción da Igualdade de Xénero, que propón esta actividade como un espazo para reflexionar sobre a presenza e a experiencia das mulleres no ámbito da creación literaria.
O acto terá unha duración aproximada de 60 minutos e contará tamén cun espazo final para a participación das persoas asistentes.
A entrada é libre ata completar o aforo da sala.





