
A biblioteca acolle a presentación de Tenebri Mundo II, a nova antoloxía de relatos de temática sobrenatural de Francisco Maldonado.
A nosa sala multiusos acollerá o venres 30 de outubro, ás 18:00 horas, a presentación de Tenebri Mundo II, a nova obra de Francisco Maldonado (Valdepeñas, 1965), autor especializado en relatos de temática sobrenatural. No acto estará acompañado por Susana Bermejo, pintora ferrolá.
A afección de Maldonado pola escritura de contos sobrenaturais comezou a unha idade temperá. En 1982 obtivo o primeiro premio nun concurso escolar de relatos, aínda que a súa primeira publicación, o conto Límites difusos, non chegou ata 2024, da man de Diversidad Literaria.
A súa obra está influenciada por autores e autoras fundamentais da literatura fantástica e de terror, como Edgar Allan Poe, H. P. Lovecraft, Bram Stoker, Guy de Maupassant e Mary W. Shelley, así como por Robert Bloch, E. F. Benson e Thomas Ligotti.
Publicada a través de Club de Autores, Tenebri Mundo II dá continuidade á antoloxía homónima que viu a luz en 2025. Ambas as obras comparten estrutura e temática: relatos breves nos que as persoas protagonistas entran en contacto con seres ou forzas doutro mundo. Os desenlaces tráxicos poden chegar como consecuencia das propias decisións, pola intervención desas entidades ou por aventurarse en lugares onde agardan presenzas inquietantes.
Ao remate da presentación, as persoas interesadas terán a oportunidade de adquirir un exemplar do libro.
A asistencia é libre e gratuíta ata completar o aforo dispoñible.





