
Conversa-coloquio sobre discapacidade, coidados e igualdade de xénero, con motivo do Día Internacional das Persoas con Discapacidade.
Con motivo do Día Internacional das Persoas con Discapacidade, a biblioteca acollerá o xoves 3 de decembro ás 18:30 h a conversa-coloquio «Coidados que sosteñen a vida», un encontro para reflexionar sobre a importancia dos coidados, a discapacidade e as desigualdades de xénero que persisten neste ámbito.
A sesión contará coa participación de tres mulleres que achegarán diferentes perspectivas desde a súa experiencia profesional e persoal: Sonia García, enfermeira nunha residencia de persoas maiores; Cristina Casteleiro, enfermeira vinculada á atención ás persoas con discapacidade e nai dun neno con parálise cerebral; e Gema Bañobre, traballadora social.
Ao longo da conversa abordaranse cuestións como a feminización dos traballos de coidados, as dificultades de conciliación, as necesidades das familias, os recursos de apoio e o dereito das persoas con discapacidade á autonomía e á inclusión. O encontro rematará cun coloquio aberto no que o público poderá compartir preguntas e reflexións.
A actividade está organizada pola alumna do Ciclo Superior de Promoción da Igualdade de Xénero que está a desenvolver na biblioteca o seu proxecto de prácticas.
A entrada é libre ata completar a capacidade da sala.





