Presentación de "Apuntamentos e memorias do peor estudante do mundo", de Manuel José Díaz Vázquez

martes, 11 de Febreiro de 2025

O autor ferrolán presenta a súa novela na biblioteca

O vindeiro xoves 20 de febreiro ás 18:30 horas, a biblioteca acollerá a presentación do libro Apuntamentos e memorias do peor estudante do mundo do escritor ferrolán Manuel José Díaz Vázquez. O autor compartirá con nós a súa experiencia e reflexións arredor desta obra, que nos transporta ao ambiente educativo das décadas de 1960 e 1970 a través das vivencias dun estudante pouco convencional.

Manuel José Díaz Vázquez naceu en Ferrol no ano 1960. Licenciado en Filosofía, compaxinou os seus estudos coa súa paixón pola escrita. O seu percorrido literario inclúe diversas novelas en galego e castelán, como Queixo fresco con marmelo, Ás vacas da señora Helena non lles gusta o pemento picante ou La calavera de Yorick. Ademais, participou en antoloxías literarias, recitais e conferencias.

Apuntamentos e memorias do peor estudante do mundo presenta un relato que reconstrúe as peripecias dun neno dende os seus primeiros anos de escola ata a adolescencia. A historia pon o foco nas súa relacións familiares e escolares, ofrecendo unha visión crítica e entrañable do sistema educativo da época.

Non perdades a oportunidade de coñecer de preto esta fascinante obra e conversar co autor, que estará acompañado do poeta naronés Enrique Rodríguez Franco.

O acto é de acceso libre ata completar o aforo da sala. Tras a finalización, as persoas interesadas poderán adquirir un exemplar da obra.

 

 

Etiquetas: 
Presentacións
Encontros con autores
Fondo local