Esta no me la cuelas! Mayores y desinformación

luns, 20 de Outubro de 2025

Formación para persoas maiores sobre desinformación e pensamento crítico no uso do móbil

A Biblioteca Pública Municipal de Narón foi seleccionada para participar no proxecto europeo Media and Information Literacy Community Connections (MIL CC), coordinado pola organización Learn to Check e financiado pola Unión Europea.

Este proxecto ten como obxectivo capacitar o persoal bibliotecario na loita contra a desinformación e no fomento do pensamento crítico.

Como parte desta iniciativa, a biblioteca deseñou unha actividade práctica dirixida a persoas maiores, centrada en ofrecer ferramentas sinxelas para identificar noticias falsas, evitar caer en bulos e empregar con máis seguridade a información que circula por internet e polas redes sociais.

A sesión desenvolverase o martes 28 de outubro no Centro Comunitario Manuela Pérez Sequeiros e estará destinada ás 12 persoas que actualmente participan no curso de manexo do móbil intelixente. Durante a xornada, abordarase de forma amena e accesible que é a desinformación, por que se espalla, que impacto pode ter nos dereitos das persoas e como detectala a tempo. Tamén se practicará o uso dalgunhas ferramentas dixitais básicas de verificación.

Ao remate, as persoas asistentes recibirán unha pequena guía en papel cun resumo dos contidos máis relevantes e consellos prácticos para poñer en práctica no seu día a día.

Esta actividade supón un paso máis no compromiso da biblioteca con unha sociedade informada, crítica e máis segura no entorno dixital.

 

 

 

Etiquetas: 
#alfabetizaciónmediática
#pensamentocrítico
#desinformación
#learntocheck