Empaquetado de libros para agasallo

xoves, 11 de Decembro de 2025

Axúdasnos a envolver os libros que os Reis Magos deixarán en Narón?

O Concello iniciou o pasado luns 1 de decembro unha campaña de recollida de xoguetes para as familias vulnerables. A recollida dos xoguetes está xestionada polo Centro de Recursos Solidarios de Narón que se encargará, coa axuda de persoas voluntarias, de clasificalos e envolvelos para seren entregados ás familias o día antes de Reis.

Como sabedes, o noso servizo colabora con esta campaña establecendo a biblioteca coma un dos puntos de entrega dos xoguetes e aportando libros que os nenos e nenas atoparán na súa árbore de Nadal (vós tamén podedes seguir facendo as vosas achegas de libros que estean en perfecto estado).

Para que estes contos cheguen aos fogares ben fermosos precisamos da vosa colaboración. Organizamos un obradoiro de empaquetado para que as persoas maiores de 16 anos que así o desexen poidan participar envolvéndoos para agasallo. A cita será o venres 19 de decembro entre as 10:30 e as 13:00 e entre as 17:00 e as 19:00, intervalos horarios nos que a chegada e a saída é libre. Para participar non é necesaria inscrición previa.

Animádevos a participar e encher de cor a noite de Reis!

 

 

Etiquetas: 
Obradoiros
Nadal
Xoguetes
Centro de recursos solidarios de Narón