“Luz, color y mar”, exposición de pintura de Bronwen Sarah Griffith

martes, 7 de Abril de 2026

A biblioteca acolle a exposición Luz, color y mar, da pintora Bronwen Sarah Griffith. A mostra reúne 48 óleos inspirados no litoral da comarca e nos cambios de luz e atmósfera do mar galego.

Do 13 de abril ao 9 de maio a pintora Bronwen Sarah Griffith exporá na nosa sala multiusos da planta soto a súa obra Luz, color y mar, unha colección de 48 pinturas ao óleo inspiradas no litoral da comarca de Ferrol, Narón e Valdoviño.

Griffith leva máis de vinte e cinco anos pintando o mar nesta zona de Galicia. Nos últimos anos comezou a mostrar publicamente o seu traballo en diferentes espazos expositivos. Entre outras mostras, expuxo no Casino Ferrolano e realizou unha exposición individual na Casa da Cultura de Sada, ademais de presentar a súa obra en varios cafés.

A exposición reúne obras que nacen do desexo de capturar a emoción e o asombro que produce a contemplación do mar e da costa. A artista céntrase especialmente nos cambios que experimenta a paisaxe segundo a luz, o clima ou as estacións do ano. Moitas das pezas de pequeno formato foron pintadas ao aire libre, directamente fronte ao mar.

Rodeada pola presenza constante do océano nesta esquina de Galicia, Griffith busca trasladar ás súas pinturas esa experiencia e compartir coa persoa visitante as sensacións que lle produce observar o litoral.

A mostra poderá visitarse no seguinte horario:

  • Luns a venres de 17:00 a 20:00.
  • Sábados de 10:00 a 13:00.

A artista ofrecerá unha visita guiada o venres 24 de abril ás 18:30 horas. As persoas interesadas poderán inscribirse a partir do luns 20 ás 9:30 horas de maneira presencial ou chamando ao 981382173 en horario de apertura.

 

 

Etiquetas: 
Pintura
Costa
Litoral
Exposicións
Óleos