As pegadas dunha vida dedicada á arte

Charla-coloquio na que a historiadora da arte e investigadora María José Pena García afondará na traxectoria artística e vital da pintora Esperanza Parada desde unha perspectiva de xénero.
O martes 27 de outubro ás 18:00, a Biblioteca acolle As pegadas dunha vida dedicada á arte: Esperanza Parada: traxectoria artística e vital, unha charla-coloquio a cargo de María José Pena García, doutora en Historia da Arte pola Universidade Nacional de Educación a Distancia (UNED) e investigadora especializada na figura desta artista.
A sesión achegará ao público a vida e a obra de Esperanza Parada (1928-2011), pintora vinculada ao grupo dos Realistas de Madrid, e analizará as circunstancias persoais e sociais que condicionaron a súa traxectoria. A través da análise de obras, imaxes e referencias biográficas, a actividade propón reflexionar sobre a escasa visibilidade histórica das mulleres artistas e sobre as dificultades que moitas creadoras atoparon para desenvolver a súa vocación.
Con perspectiva de xénero, abordaranse cuestións como a falta de referentes femininos na historia da arte, a relación entre identidade persoal e responsabilidades familiares, a importancia dos coidados e a dificultade de conquistar un tempo propio para a creación artística. A experiencia de Esperanza Parada permitirá explorar a pintura non só como expresión estética, senón tamén como espazo de reflexión, liberdade e construción persoal.
María José Pena García dedicou a súa tese doutoral, defendida en 2024, ao estudo da traxectoria de Esperanza Parada, a partir de documentación persoal e material escrito da artista. A súa investigación permite achegarse á súa figura desde unha perspectiva que conecta a súa produción artística coas circunstancias da súa vida.
A exposición combinarase cun coloquio final aberto á participación do público, co propósito de compartir reflexións e favorecer unha lectura da historia da arte que contribúa a recuperar e recoñecer o papel das mulleres creadoras.
A actividade forma parte do proxecto de prácticas da alumna do Ciclo superior de promoción da igualdade de xénero, está destinada ao público xeral e terá unha duración aproximada de 60 a 75 minutos.







Engadir comentario