Con moita saúde

martes, 26 de Agosto de 2014

Estes días estamos  a celebrar na biblioteca un obradoiro de educación alimentaria. Estamos aprendendo un montón de cousas sobre o importante que é manter os hábitos adecuados para poder gozar de boa saúde.

Agora xa sabemos que coidar o noso corpo non é só mantelo limpo por fóra, senón tamén procurarlle unha alimentación equilibrada que nos aporte moita enerxía e nos manteña a salvo de enfermidades.

Aínda que as lambetadas están boísimas, a partir de agora imos procurar deixalas para as grandes ocasións. Probando novas froitas e verduras tamén podemos descubrir un novo mundo de sabores que ademáis son bos para o noso corpo.

Para non esquecer o que aprendimos no obradoiro e para saber aínda moitas máis cousas, podemos consultar na biblioteca moita información:

Contos:

La flaca y el gordo, de José Luis Olaizola:
Mateo é un rapaz de oito anos con tres grandes problemas: a obesidade, o can do veciño e a súa nova compañeira de pupitre. A súa nai decide poñer fin ao primeiro deles e, aínda que a gordura non preocupa moito a Mateo, axiña darase conta de que máis san pode vivir mellor. Descobre por ti mesmo/a como soluciona Mateo os outros dous problemas que ten.

¿Cómo se cultivan os alimentos?, de  Valérie Guidoux.
Queres cultivar froita e verdura na túa casa? Sabes que prantas crecen en cada estación? Averigua estas e outras cousas sobre os alimentos que vemos cada día nos nosos pratos a partir de divertidas pestaniñas e solapas.

Teo y la alimentación, de Violeta Denou.
Teo amósanos  a tabla de menús semanal que fixo para saber que ten que comer se quere levar unha dieta sá. Anímaste a facer ti tamén o mesmo? Ademáis acompañaremos a Teo e á súa familia nunha excursión polo mercado, a granxa e a lonxa para aprender onde podemos atopar os principais alimentos.

A lavarse los dientes, de Patricia Geis.
Logo de calquera comida temos que ter en conta unha cousa importantísima, deixar os dentes, a lingua e a boca en perfectas condicións. Con este conto aprenderemos a cepillar correctamente os dentes, que utensilios temos que utilizar e que productos precisaremos. Xogamos cos personaxes do conto para axudarlles a manter a boca limpa e sa.

Para aprender:

¿Por qué tenemos que comer?, de Christian Tielmann.
Para poder xogar, correr e saltar o noso corpo precisa enerxía. Os alimentos que inxerimos son os que lla van proporcionar, por iso hai que ter moito coidado co que lle damos. Este libro amósanos os diferentes tipos de alimentos e danos consellos para comer dun xeito adecuado.

¿Por qué debo comer de forma saludable?, de Jackie Gaff.
É importante comer sempre o adecuado, pero tamén na súa xusta medida, nin de máis nin de menos.  Sabías que incluso os alimentos máis sans poden facer dano a algunhas persoas? As alerxias alimenticias fan que o noso corpo non tolere determinados alimentos e enferme se os inxerimos.

¡A comer sano!, de Patricia Geis.
Elexir e mercar os alimentos que compoñen os nosos menús é unha tarefa moi divertida. Agora que xa sabemos tantas cousas sobre alimentación podemos axudar a papá e mamá a facer a lista da compra e a mercar os produtos que nos farán medrar sans e fortes. Podes ir practicando con este libro.

Costumbres saludables (libro e DVD)
Ademáis de alimentarse adecuadamente, é importante manter unha boa hixiene, practicar deporte e descansar o suficiente para que o noso corpo non enferme e podamos disfrutar moito tempo da nosa vida. Con este libro e o DVD de xogos aprenderemos que é o que temos que facer.

Estes son só algúns exemplos de libros e contos que temos na biblioteca, pero hai moitos outros que tamén podemos consultar. Ademáis hai manuais na sección de adultos para que papá e mamá aprendan máis cousas e nos axuden a medrar fortes e sans. Ah, e tamén atopamos libros de cociña con receitas riquísimas para facer en familia!