Fanfarria de versos

Data: 
sábado, 25 de Marzo de 2017
Lugar: 
Biblioteca Pública Municipal de Narón

Celebramos o Día mundial da poesía cun obradoiro para todas as idades

O martes 21 de marzo celébrase o Día mundial da poesía e queremos conmemorar esta data cun obradoiro que propón un achegamento a este xénero dun xeito didáctico, accesible e divertido.

Os e as poetas naronenses Esther Val, Andrés CM Riveira, Diana Castro e Cristina Fernández farán un percorrido pola obra poética de autores e autoras de diferentes xeracións e correntes, a través do recitado dos textos. Ademáis irán incorporando pequenas referencias biográficas, bibliográficas e curiosidades dos e das poetas.

O proxecto Fanfarria de versos reivindica a poesía como parte da nosa cultura, da nosa forma de vivir, sentir e pensar. É unha ferramenta para impulsar e animar á lectura e á escritura de poesía. A sesión está centrada nos seguintes obxectivos:

  • Amosar a produción poética, referencias biográficas, bibliográficas e anecdóticas dos diferentes autores e autoras destacados/as no recital.
  • Impulsar o coñecemento da obra poética realizada por mulleres co fin de desmitificar a poesía coma xénero literario historicamente  vinculado aos homes.
  • Fomentar o gusto e interese pola poesía amosándoa coma un xénero literario moderno e accesible, como unha ferramenta para expresar ideas, sentimentos e emocións.
  • Transmitir valores e actitudes que fomenten a lectura e a escritura de poesía, combatendo os estereotipos, mitos e prexuizos que aínda están presentes con respecto a este xénero.

A sesión rematará coa composición poética Fanfarria aos bibliotecarios.

Invitámosvos a todos e todas a celebrar esta data con nós participando nesta marabillosa proposta dos nosos veciños e veciñas.

Para inscribirvos nesta actividade:

  • Reservade praza a partir do luns 20 de marzo ás 9:30 horas no mostrador da sala de adultos ou chamando ao 981382173 en horario de apertura.
  • É necesario ter o carné da biblioteca.
  • Poden participar persoas de todas as idades.

DATA: Sábado 25 de marzo

HORA: De 11:00 a 12:30

Ademáis, durante toda a semana (do luns 20 ao sábado 25 de marzo) teremos exposta unha selección de libros de poemas tanto na sala de adultos/as como na sala infantil/bebeteca.