Doce cartas a María Victoria Moreno
Presentación do libro co que Ánxela Gracián fai un repaso pola vida e obra da autora homenaxeada no Día das letras galegas 2018.
En xuño do pasado ano a Real Academia Galega decidiu adicar o Día das letras galegas 2018 á escritora e mestra María Victoria Moreno Márquez. Deste xeito Moreno convertiuse na cuarta muller homenaxeada pola institución nesta gran festa cultural e literaria de Galicia.
Dende o anuncio deste recoñecemento ata hoxe, diferentes editoriais apostaron pola reedición das obras de María Victoria Moreno e moitos autores e autoras decidiron afondar máis no estudo da súa figura.
Ánxela Gracián elexiu a Garimoso, o lobo que María Victoria Moreno imaxinou noble e bo na súa obra Mar adiante e converteuno no narrador de Doce cartas a María Victoria Moreno, un libro no que o animal escribe doce cartas á súa creadora e lembra nelas os aspectos máis relevantes da súa vida e da súa obra.
O libro está dirixido ao público infantil-xuvenil e familiar e ofrece dúas posibilidades de lectura: a través de flash backs que fan desta experiencia un xogo ou de maneira cronolóxica.
O martes 15 de maio ás 19:00 horas teremos a sorte de poder asistir a unha xuntanza cos principais artífices desta obra na Sala de actos da planta sótano da biblioteca.
Intervirán:
- Ánxela Gracián, a autora,
- Antonio Seijas, o ilustrador e
- Laura Rodríguez, a editora.
Neste encontro teremos a oportunidade de achegarnos máis á figura de María Victoria Moreno e de coñecer todos os pormenores da creación deste libro.
Ao final do acto sortearemos exemplares entre todas as persoas asistentes.
Agardamos a vosa participación!
Engadir comentario