Mesas de conversa en inglés por videochamada

mércores, 3 de Marzo de 2021

A biblioteca ofréceche un espazo distendido (agora por videochamada) onde poñer en práctica os teus coñecementos de inglés e mellorar o teu nivel.

España é o país da Unión Europea con peor nivel de inglés. Ninguén dubida que, en termos xerais, o dominio desta lingua é algo que aínda se nos resiste. Un dos maiores obstáculos á hora de incrementar o noso nivel é a vergonza que temos para falar inglés en público e a desconfianza na nosa capacidade de facelo.

A pesar de que as tecnoloxías (as redes sociais, Internet, as series en versión orixinal…) poden axudarnos na adquisición de vocabulario e na comprensión da lingua, a nosa asignatura pendente segue sendo a expresión oral.

A biblioteca ofrece dende finais de 2017 un espazo onde poder poñer en práctica todo o que sabes (que é moito máis do que pensas) e desenvolver o teu nivel en inglés. Nun ambiente distendido practicamos diálogos e conversas clave para poder comunicarnos en diferentes ámbitos da nosa vida cotiá.

Todos os luns hai dúas sesións de Mesa de conversa en inglés coordinadas por unha monitora.

  ► De 17:15 a 18:15. Quitaóxidos I.

  ► De 18:15 a 19:15. Quitaóxidos II.

O nivel Quitaóxidos I está orientado a persoas que se desenvolven cun nivel medio, capaces de manter unha conversa básica sobre algún aspecto concreto ou ser autónomas nunha viaxe a un país anglófono.

O nivel Quitaóxidos II vai destinado a persoas cun nivel máis fluido de conversa.

 

Neste momento as restriccións marcadas pola situación sanitaria obrígannos a prestar esta actividade a través de videochamada. As persoas participantes reciben no seu correo as instruccións e as claves para acceder ás xuntazas en liña.

A participación nestas mesas de conversa é libre e de balde. Cada mércores ás 9:30 abrimos a lista de reserva para participar nas sesións do luns seguinte.

As reservas poden facerse na propia biblioteca ou chamando ao 981382173 en horario de apertura. No momento da inscrición deberás indicar o nivel no que queres participar (se non o tes moi claro proba co nivel que consideras que tes e tras a primeira sesión a coordinadora indicarache se che convén máis o outro).

Ten en conta que, aínda que a lista de inscrición para cada luns ábrese o mércores anterior, mentres haxa prazas dispoñibles podes reservar a túa en calquera momento dentro do horario de apertura.

Non o dubides e participa dende alí onde esteas!

 

 

Etiquetas: 
Mesas de conversa en inglés
Biblioespazo 2021
Actividades