Retomamos as nosas actividades permanentes

venres, 10 de Setembro de 2021

Damos comezo á nova tempada de actividades para adultos/as.

Neste mes de outubro retomamos as catro actividades permanentes que a biblioteca ofrece ao público adulto:

 

Club de lectura feminista:

Dende outubro de 2020 ofrecemos esta actividade coa que establecemos dúas xuntanzas ao mes para coñecer, reflexionar e compartir sobre diferentes temas e cuestións desde unha perspectiva feminista a través da lectura de diferentes autoras.

Como novidade este ano, a primeira das xuntanzas do mes farase por videochamada e a segunda de maneira presencial.

O luns 13 de setembro ás 9:30 horas abrimos o prazo de inscrición nesta actividade, na que ofertamos 12 prazas que se outorgarán por orde de inscrición. A inscrición pode facerse de maneira presencial ou telefónica chamando ao 981382173 en horario de apertura.

A xornada de presentación (para as persoas inscritas previamente) será o xoves 30 de setembro ás 18:00 horas na sala de actividades da planta sótano.

 

Club de lectura:

Seguirémonos reunindo un martes ao mes para comentar lecturas comúns.

O luns 20 de setembro ás 09:30 horas abrimos o prazo de inscrición nesta actividade, na que ofertamos 12 prazas que se outorgarán por orde de inscrición. A inscrición pode facerse de maneira presencial ou telefónica chamando ao 981382173 en horario de apertura.

A partir do mesmo día no que se abre o prazo de inscrición as persoas que acaden praza poden levar a primeira das lecturas, que se comentará na xuntanza de outubro (martes 19 de outubro de 19:00 a 20:30 h).

 

Clases de español para persoas estranxeiras:

Dende marzo de 2019 a Biblioteca imparte, dentro do seu Programa Biblioespazo, clases de español para persoas estranxeiras.

As clases impártense na sala multiusos da segunda planta da biblioteca, todos os xoves de 19:30 a 21:00 horas.

As persoas interesadas en participar nesta actividade poden inscribirse a partir do luns 27 de setembro ás 16:00 horas. Haberá un total de 10 prazas dispoñibles que se outorgarán por rigurosa orde de inscrición. O resto das persoas inscritas quedarán en lista de espera. A inscrición pode facerse de maneira presencial ou telefónica chamando ao 981382173 en horario de apertura.

Para favorecer a participación das persoas máis desfavorecidas non se esixirán datos sobre a súa situación legal.

 

Mesas de conversa en inglés:

Actividade que prestamos dende outubro de 2017 e que ten como finalidade mellorar o nivel de expresión oral en inglés.

Todos os luns en dúas sesións:

► 17:15 a 18:15.

► 18:15 a 19:15.

A participación é libre e de balde. Non son cursos, senón sesións soltas para as que cada persoa ten que reservar a súa praza cada vez que queira participar. Abrimos a lista de inscrición para cada luns o mércores anterior ás 9:30 horas. As persoas interesadas poden inscribirse de maneira presencial ou telefónica en horario de apertura da biblioteca.

O mércores 29 de setembro ás 9:30 abrimos o prazo de inscrición para as primeiras sesións deste trimestre (as do luns 4 de outubro).

 

Medidas de seguridade:

As persoas participantes nestas actividades deben desinfectar as mans con solución hidroalcólica e permanecer todo o tempo coa máscara posta.

A biblioteca disporá o espazo de cada sala para que sempre exista distancia de seguridade de metro e medio entre persoas e organizará de maneira segura a entrada e saída dos/as participantes.

 

 

 

Etiquetas: 
Adultos/as
Mesas de conversa en inglés
Clases de español para persoas estranxeiras
Club de lectura xeral
Club de lectura feminista