Os máis prestados Xullo-Setembro 2014
Listado de libros máis solicitados en préstamo na biblioteca o longo do ano 2014.
- Legado en los huesos, de Dolores Redondo.
- Sinsajo, de Suzanne Collins.
- Regreso a tu piel, de Luz Gabás.
- Un paso al frente, de Luis Gonzalo Segura de Oro-Pulido.
- La mirada de los ángeles, de Camilla Läckberg.
- Juego de tronos, de George R.R. Martin.
- La noche soñada, de Màxim Huerta.
- La lista de los nombres olvidados, de Kristin Harmel.
- Palmeras en la nieve, de Luz Gabás.
- Los cuerpos extraños, de Lorenzo Silva.
Legado en los huesos, a segunda novela de Dolores Redondo tras El guardián invisible, encabeza a lista dos libros máis solicitados durante o último trimestre na nosa biblioteca. Os dos títulos forman parte da Trilogía de Baztán, unha serie de misterio e intriga policíaca que se completará en novembro con Ofrenda a la tormenta.
A pesares de non ser unha novidade editorial, Sinsajo (terceira parte da saga Los juegos del hambre de Suzanne Collins) segue espertando interese entre os nosos lectores/as nestes momentos nos que está a piques de estrearse a súa adaptación cinematográfica.
O mesmo ocorre con Palmeras en la nieve, que ocupa o noveno posto. O gran éxito editorial de 2012 volta a estar de plena actualidade pola rodaxe da súa correspondente película, que contará, entre outros, co actor naronés Xavier Deive. A súa autora, a aragonesa Luz Gabás, ten a honra de ocupar tamén o terceiro posto co seu último libro Regreso a tu piel, que tantos/as de vos estades demandando.
No cuarto posto temos Un paso al frente, unha novela mediante a que o seu autor denuncia a corrupción no Exército español. O tenente Luis Gonzalo Segura foi expedientado e prendido por “facer manifestacións contrarias á disciplina, realizalas a través dos medios de comunicación social” e “emitir expresións contrarias, actos irrespetuosos e adoptar actitude de menosprecio contra mandos e autoridades militares” no contido da súa novela.
Camila Läckberg ten unha boa lexión de seguidores/as na nosa biblioteca que agardan con impaciencia a publicación de cada un dos seus libros. La mirada de los ángeles non ía ser excepción e é por iso que aparece no quinto lugar da lista dos máis solicitados.
E se a sueca ten seguidores, George R.R Martin non se queda atrás. A súa saga Canción de hielo y fuego inspirou unha das series de televisión máis vistas e comentadas dos últimos anos en todo o mundo. O primeiro libro da serie, Juego de Tronos, ocupa o sexto posto da nosa lista.
O televisivo Màxim Huerta acadou este ano o Premio Primavera de Narrativa coa súa cuarta novela, La noche soñada. É o sétimo libro máis demandado neste trimestre.
A Segunda Guerra Mundial é un tema moi presente na narrativa internacional dos nosos días. A estadounidense Kristin Harmel relata na súa novela La lista de los nombres olvidados unha historia que empeza coa ocupación nazi de París no ano 1942 e remata cunha volta ao pasado dende a actualidade.
E remata a clasificación Los cuerpos extraños, novela na que Lorenzo Silva recupera ao brigada Bevilacqua e á sarxento Chamorro para adentrarnos nunha nova intriga policíaca, tan esperada tamén polos seus moitos seguidores/as.
Engadir comentario