Os universitarios na cociña

martes, 9 de Setembro de 2014

O novo curso comeza. Por primeira vez es un estudiante universitario e un mundo novo aparece ante os teus ollos. Estreas piso, estreas compañeiros/as, estreas aulas… e porque non só de tuppers de mamá vive o estudiante, pode que tamén che toque estrear tixolas e potas.

Non sufras! Na biblioteca temos preparada para ti unha selección de libros de cociña para facilitarche a vida tendo en conta o pouco tempo e o axustado orzamento dos que disporás.

Para ir comezando:

Recetario para un hijo en apuros, de Rosa Clara Herrán Such. 150 receitas básicas explicadas por unha nai ao seu fillo, que calquera persoa sen experiencia pode preparar.

Cocina para novatos, de Callum Hann. Con este libro coñecerás as diferentes técnicas de cociña e saberás que é o que tes que mercar para ter unha despensa básica. Tamén ofrece receitas nas que indica o tempo de preparación para que podas planificar ben os teus menús.

Tapas para vagos, de Federico García Serrano e Guillermo Summers. Pode ser que non te guste cociñar, pero que iso non sexa un obstáculo para alimentarte ben! Este divertido recetario ofrece instrucións para preparar platos moi sinxelos.

Recetas sencillas para novatos y cocinillas, de Xabier Gutiérrez, Igor Zalakain e Juan Calduch. As máis deliciosas receitas da cociña tradicional española, algunhas orixinais, outras adaptadas para persoas con pouco tempo e pouca experiencia entre fogóns.

 

Canto tempo tes?

Cocinar en 5 minutos, de Gloria Rossi Callizo. Entrantes, primeiros platos, segundos platos, guarnicións, salsas e sobremesas para preparar nun abrir e pechar de ollos.

200 recetas en 10 minutos, de Elena Spagnol. Receitas para todas as ocasións, ordeadas por tipos de alimentos. Ademáis ofrece ideas sobre que facer coa comida que che sobra.

A la mesa en 20 minutos, de Marco Sabatini. Cada receita ven ilustrada paso a paso con fotografíaspara que vexas todo o seu proceso. Así é imposible non triunfar!

Cocina en un plis plas, de Graciela Bajraj. Riquísimos platos para facer en 5, 10, 20 ou 30 minutos.

 

Axustando o orzamento:

200 recetas de gran cocina con pequeño presupuesto, de Nathalie de Loeper. Como reza o seu subtítulo “unha síntese maxistral de economía, dietética e sofisticación”. Tamén ofrece ideas de menús de tempada.

Platos ricos para pobres, de Carmen Gómez Ojea. 120 receitas caseiras, sinxelas, saborosas e económicas que se poden preparar cos catro utensilios de cociña máis básicos.

300 recetas para ahorrar (VV.AA). Fantástica colección de receitas non só para aforrar cartos, senón tamén tempo e traballo.

Cocina rápida y económica (VV.AA.). Con fotografías paso a paso de todo o proceso de elaboración das receitas.

 

Cantos sodes a comer?

Cocina para uno solo, de Christine Kerfant e Sol@ en la cocina (VV.AA.). Recetarios para aprender a cociñar só para ti e evitar ter sobras para un rexemento.

Cocina para dos, de Gloria Sanjuán e Cocina práctica para dos (VV.AA.). Para cociñar en parella, co compañeiro/a de piso, co veciño/a…

Quedar bien sin complicarte la vida, de Samantha Vallejo-Nágera. Receitas sinxelas coas que quedarás como todo un experto/a chef nas xuntanzas universitarias do teu piso de estudiantes.

 

Xa non tes disculpa para basear a túa dieta nas conservas e nos pratos precociñados. Ademáis destes libros que acabamos de presentarche hai moitos outros máis especializados con receitas para celíacos, para hipertensos, para cociñar co microondas, de sobremesas, para diabéticos, para conxelar, para levar, para vexetarianos/as, para festas… Elixe o que máis se axuste ás túas necesidades e… Bon appetit!

 

Tamén podes atopar na web:

Recetas para estudiantes:

http://www.recetasparaestudiantes.com/

Cocina para estudiantes:

http://cocinayestudiasinmiedo.blogspot.com.es/

Cocina de urgencia para universitarios:

http://cocinadeurgenciaparauniversitarios.blogspot.com.es/

Estudia y cocina:

http://estudiaycocina.wordpress.com/

La cocina de Lechuza (co seu apartado “Cocina para estudiantes”)

http://www.lacocinadelechuza.com/search/label/Cocina%20para%20estudiantes

Jugando a las cocinitas:

http://jugandoalascocinitas-silvia.blogspot.com.es/p/cocina.html

 

SE TES ALGUNHA RECEITA/SUXERENCIA/EXPERIENCIA PERSOAL, NON DUBIDES EN COMPARTILA NOS COMENTARIOS!

 

Etiquetas: 
Bibliografías
Biblioteca de Narón
Cociña
Estudiantes
Seleccións