Presentación de Mulleres espontaneadas, de Ángel Arcay
Ángel Arcay presenta o seu libro na biblioteca
O historiador Ángel Arcay, arquiveiro do Concello de Betanzos, preséntanos este xoves 25 de maio ás 19:00 horas na sala multiusos da planta soto o seu libro Mulleres espontaneadas, froito do seu traballo de investigación sobre as nais solteiras de finais do século XVIII. Este ensaio presenta os datos sobre a existencia dunha figura xurídica exclusiva de Galiza, as espontaneadas, que abría a porta á normalización da existencia de nais solteiras con todos os dereitos, o que lles permitía vivir a súa sexualidade sen dobregarse á vontade masculina.
Neste contexto, as mulleres que quedaban embarazadas fóra do matrimonio podían declarar o seu estado ante as autoridades, procedemento polo que “salvaban a súa honra” e que lles garantizaba protección.
O libro que Arcay nos presenta expón casos da comarca de Ferrol e Pontedeume extraídos dos 555 expedientes que consultou. O autor destaca que estes son dos poucos documentos da época que el coñece nos que as mulleres falan en primeira persoa. Elas preséntanse ante o notario e danlle datos sobre a súa sexualidade, contidos que saen do habitual nos rexistros notariais.
O acto de presentación do libro está aberto ao público en xeral ata completar o aforo da sala.
Engadir comentario