Calendario lector: cara un 2027 cheo de aventuras
Volvemos crear o noso calendario de Nadal! Desta vez, os libros e as recomendacións dos pequenos lectores e lectoras serán os protagonistas.

O ano pasado organizamos un obradoiro no que os nenos e nenas participantes deron vida ás fotografías dos doce meses do ano. Este Nadal recuperamos aquela proposta, pero cunha novidade: desta vez, os libros e as recomendacións lectoras serán os protagonistas.
O sábado 5 de decembro ás 11:00 celebraremos na biblioteca un obradoiro no que elaboraremos un calendario moi especial para 2027. Os nenos e nenas participantes encargaranse de recomendar un libro que lles guste ou queiran compartir con outras persoas lectoras. Para iso, prepararemos diferentes propostas e elementos cos que compoñer as fotografías, nas que cada neno ou nena aparecerá xunto á súa recomendación.
Con todas as imaxes elaboraremos un calendario para 2027 no que cada mes do ano terá como protagonista unha destas recomendacións. Así, ao longo do vindeiro ano, poderemos descubrir doce libros a través da mirada dos seus pequenos recomendadores e recomendadoras.
Cada participante levará para a casa un exemplar do calendario como recordo desta actividade. Ademais, tamén estará dispoñible en formato dixital para que todas as persoas interesadas poidan descargalo e acompañarnos durante o próximo ano cunha nova lectura cada mes.
A lectura permítenos descubrir historias, espertar a curiosidade e viaxar a outros mundos. E quen mellor para recomendarnos un libro que alguén que xa gozou con el?
Para participar nesta actividade:
- É necesario ter catro anos ou máis e contar co carné da Rede de Bibliotecas Públicas de Galicia.
- É imprescindible reservar praza. O prazo de inscrición abrirase o martes 1 de decembro ás 16:00 horas. A reserva poderá realizarse presencialmente na biblioteca ou chamando ao 981 382 173 en horario de apertura.







Engadir comentario