Fada Diana: contacontos
Unha aventura máxica sobre reciclaxe e igualdade para público infantil e familiar

O sábado 7 de xuño ás 11:00, a nosa sala multiusos acollerá unha nova sesión de contacontos para público infantil (a partir de 3 anos) e familiar. Nesta ocasión, recibiremos a visita da Fada Diana, unha proposta chea de fantasía, música e valores.
A actividade terá lugar dous días despois do Día Mundial do Medio Ambiente, que se celebra cada 5 de xuño, e está especialmente pensada para traballar a concienciación ecolóxica cos nenos e nenas dende unha perspectiva lúdica e participativa. A través da súa historia, a Fada Diana anímanos a descubrir os segredos da reciclaxe e a lembrar que o cambio só é posible coa colaboración de todas e todos en igualdade.
Con elementos de danza, circo, maxia e cancións orixinais, este espectáculo convida á participación activa dos nenos e nenas, transportándoos a un mundo máxico no que tamén poden converterse en heroes e heroínas.
Para participar nesta actividade:
- Os nenos e nenas teñen que ter os tres anos cumpridos e o carné da rede de bibliotecas sen sancións pendentes.
- É necesario reservar praza a partir do martes 3 ás 16:00 horas, de maneira presencial ou no 981382173.
Esta actividade está cofinanciada pola Consellería de Cultura, Educación e Universidade dentro do programa Ler conta moito.
Engadir comentario