A máquina do tempo das científicas
Unha viaxe chea de aventuras para descubrir ás mulleres que cambiaron a historia da ciencia.

O sábado 7 de febreiro a compañía Trémola Teatro tráenos á biblioteca actividade infantil A máquina do tempo das científicas, un contacontos teatralizado pensado para público miúdo con ganas de descubrir, preguntar… e viaxar no tempo sen mover os pés do chan.
A historia comeza cando Ángela, explorando o soto da súa casa, atopa unha máquina do tempo máxica. Ao poñela en funcionamento, viaxa ao pasado e coñece mulleres extraordinarias que cambiaron a historia da ciencia. Nesa viaxe algo non sae como estaba previsto: a máquina estrágase e o futuro queda en suspenso. Só coa axuda do público será posible reconstruílo. A pregunta está no aire: úneste a esta misión científica?
Esta actividade está programada catro días antes do 11 de febreiro, unha data moi sinalada: o Día Internacional da Muller e da Nena na Ciencia. Esta é unha ocasión perfecta para achegar aos nenos e nenas referentes femininos da ciencia, fomentar a curiosidade e lembrar que o coñecemento non entende de xéneros… pero si de oportunidades.
Para participar:
- Os nenos e nenas teñen que ter os cinco anos cumpridos e o carné da rede de bibliotecas sen sancións pendentes.
- É necesario reservar praza a partir do martes 3 de febreiro ás 16:00 horas, de maneira presencial ou chamando ao 981382173 durante o horario de apertura.







Engadir comentario