O noso calendario 2026
Obradoiro creativo para dar vida aos doce meses de 2026

A biblioteca quere despedir o ano con alegría e creatividade, e tamén recibir o próximo con toda a ilusión posible. Por iso organizamos un obradoiro infantil moi especial que terá lugar o sábado 13 de decembro ás 11:00.
Os doce nenos e nenas participantes encargaranse de darlle forma a cada un dos meses do ano. Para iso empregarán obxectos preparados pola biblioteca e outros que terán que crear no momento, nun exercizo divertido de imaxinación e expresión plástica. Ao rematar, faremos unha fotografía de cada representación para montar un calendario de 2026 tan único como o seu equipo creativo.
O resultado final entregarase a cada neno e nena participante e, ademais, estará dispoñible tamén en formato dixital para descargar e compartir. Levaremos así un pequeno recordo para seguir tendo presente á biblioteca durante todo o ano que vén.
Para participar nesta actividade:
- Os nenos e nenas teñen que ter os cinco anos cumpridos e o carné da rede de bibliotecas sen sancións pendentes.
- É necesario reserva praza a partir do martes 9 de decembro ás 16:00 horas, de maneira presencial ou chamando ao 981382173 en horario de apertura.
- Cada neno e nena deberá quedar acompañado/a dunha persoa adulta.







Engadir comentario