Xogos de onte para nenos/as de hoxe

Data: 
sábado, 24 de Setembro de 2016
Lugar: 
Biblioteca Pública Municipal de Narón

Un obradoiro para recuperar os xogos tradicionais

ACTUALIZACIÓN: As prazas para esta actividade esgotáronse o martes 20 ás 11:00 horas.

Xa pasado o verán e comezado o curso escolar, retomamos o Programa Biblioespazo 2016 e a nosa rutina invernal. A primeira actividade deste curso terá lugar o sábado 24 de setembro ás 11:00 da mañá. Trátase de Xogos de onte para nenos/as de hoxe, un obradoiro para coñecer e practicar os xogos tradicionais que nunca pasan de moda, aqueles que (aínda que cada vez menos) de cando en vez volven a verse polas rúas e nos patios dos colexios.

Falaremos de moitos destes xogos herdados dos nosos avós e avoas e poremos en práctica algún deles. Ademáis poderemos seguir xogando na casa, xa que elaboraremos coas nosas mans algúns xoguetes a partir de materiais de refugallo. Ademáis de levar estes obxectos físicos, levaremos na cabeza moitas ideas para compartir cos amigos/as e a familia nas tardes de inverno.

Para participar nesta actividade é necesario:

  • Ter os 4 anos cumpridos.
  • Ter o carné da biblioteca.
  • Reservar praza a partir do martes 20 de setembro ás 9:30 horas na biblioteca ou chamando ao 981382173 en horario de apertura.