Contar contos aos bebés. Resolvendo dúbidas
Aínda son moitas as persoas que, cando saben que dentro do noso programa de actividades para nenos e nenas incluímos contacontos para bebés, preguntan como é e en que consiste a actividade.
Como pode un bebé entender un conto?
De entrada, parece un pouco complicado que un bebé de catro ou cinco meses poda comprender a historia que se lle conta, a que si?
Sabemos que non son capaces de seguir un fío argumental por moi básico que sexa o vocabulario que se empregue. Pero o certo é que o éxito dun contacontos para bebés non radica na capacidade que estes teñen para entendelo, senón na habilidade para captar a súa atención por parte da persoa que o conta.
Que elementos empregamos?
Manter a atención dun bebé durante vinte-trinta minutos (tempo que dura cada sesión) non é tarefa doada. É necesario estimulalos a través de:
- Elementos visuais: luces, obxectos brillantes, obxectos en movemento, contrastes de cores…
- Elementos sonoros: música, onomatopeias, sons da natureza…
- Elementos táctis: obxectos con diferentes texturas, formas, temperaturas…
- Elementos olfativos: perfumes lixeiros, cheiros de froitas…
Non, non esquezo o sentido do gusto. Hai que ter en conta que os bebés que participan nestas actividades aínda non inxiren todo tipo de alimentos, polo tanto non podemos experimentar con este sentido.
Que conseguimos con esto?
Ademáis de expoñer aos bebés a un montón de experiencias sensitivas novas, conseguimos:
- Reforzar o seu vocabulario básico a través da repetición das palabras.
- Servir de primeira toma de contacto co mundo teatral.
- A creación precoz dun gusto estético e artístico.
- A chamada de atención sobre o mundo dos libros e dos contos.
- A posibilidade de compartir un espazo e un tempo lúdico e educativo cos vosos fillos e fillas.
Que papel xogades as familias?
Por moitos elementos atractivos que haxa no conto, os bebés son impredecibles.
Pode resultar que algún chore ou se asuste e se produza un efecto dominó que faga que acaben todos chorando (de seguro xa víchedes algunha vez unha situación similar). É por isto que as persoas que acompañades aos bebés xogades un papel importantísimo no desenvolvemento da actividade. Basicamente as instruccións a seguir serán:
- Estar pendente sempre do bebé. A actividade é para el/ela e os adultos temos que “asistilos” para que podan disfrutar da experiencia.
- Intentar non distraelo con outros elementos. Sobre todo, non establecer conversas paralelas con outros adultos mentres dura a sesión.
- Sacar ao bebé da sala se nalgún momento chora, está inquieto/a ou, pola circunstancia que sexa, consideramos que pode producir o efecto dominó do que falabamos antes.
Como vedes, contar contos aos bebés require dun esforzo enorme, moita imaxinación para incorporar todo tipo de elementos na historia (porque eles non seguen un fío argumental, pero habelo, haino) e nervos de aceiro para sobrelevar calquera contratempo que se produza. Pero tamén é unha tarefa moi gratificante tanto para a persoa que o conta coma para os bebés e as persoas adultas que o escoitan.
Anímovos a participar cos vosos fillos e fillas nestas experiencias!
Engadir comentario