Día de Rosalía en Narón

luns, 18 de Febreiro de 2019

Celebracións do Día de Rosalía na rede bibliotecaria municipal

O 24 de febreiro, coincidindo coa nata de nacemento de Rosalía de Castro en 1837, os concellos, entidades culturais, bibliotecas e museos de Galicia celebran o Día de Rosalía, unha data na que se reivindica a figura da nosa poeta máis internacional.

Cada ano a AELG (Asociación de escritores e escritoras en lingua galega) escolle unha persoa como encargada de redactar o manifesto homenaxe a Rosalía de Castro, texto que protagoniza todos os actos oficiais da propia entidade e doutras institucións.

Narón forma parte dos concellos que celebran esta data de maneira oficial. Para este ano as actividades conmemorativas están centradas na Rede bibliotecaria municipal, onde terán lugar os seguintes actos:

Na biblioteca central do Alto:

Do luns 18 ao sábado 23 de febreiro: Exposición bibliográfica da obra de Rosalía de Castro. Estará dispoñible na sala de adultos/as e na sala infantil.

Sábado 23 de febreiro ás 10:00 h: Obradoiro de camisolas e chapas de Rosalía de Castro. Actividade organizada polo Servizo de normalización lingüística e destinada a nenos e nenas entre 6 e 12 anos. Para participar é necesario inscribirse a partir do luns 18 de febreiro en a.pìta@naron.es. Máis información aquí.

Sábado 23 de febreiro ás 12:00 h: Lectura pública da obra de Rosalía de Castro. Acto aberto a toda a cidadanía que contará coa presenza da alcaldesa, Marián Ferreiro, e da actriz naronesa Celia González, que será a encargada de ler o fermoso manifesto da AELG redactado por Ana Romaní. A continuación todas as persoas que o desexen poderán ler un poema ou fragmento da obra de Rosalía de Castro, traendo o texto dende a casa ou seleccionando calquera dos que a biblioteca terá preparados.

Na Ludoteca-Axencia de lectura da Solaina:

Na semana entre o luns 18 e o venres 22 levarase a cabo un obradoiro de pintura centrado na figura de Rosalía de Castro, dentro da programación habitual deste dispositivo.

 

Ademáis, durante o venres 22 e o sábado 23 de febreiro agasallarase cunha flor:

  • Na rede bibliotecaria municipal (Biblioteca central, Axencia de lectura da Gándara e Ludoteca-Axencia de lectura da Solaina) a todas as persoas que leven en préstamo un libro en galego.
  • Nas oito librerías naronesas colaboradoras: a todas as persoas que merquen un libro en galego (Librerías colaboradoras: Day, Nova, Contos, Nany, Merche, Albatros, Fina e Galicia).

 

 

Etiquetas: 
Día de Rosalía
AELG
Poesía
lectura pública
Biblioespazo 2019