Devolución urxente dos préstamos pendentes

xoves, 13 de Xullo de 2017

Integración da biblioteca na rede de centros con carné único (I)

Nos vindeiros meses  a Biblioteca Pública Municipal de Narón integrarase na rede de bibliotecas de Galicia que comparten un carné único. Todas as persoas usuarias da biblioteca recibiredes unha nova tarxeta coa que poderedes acceder ao servizo de préstamo de todos os centros pertencentes á rede.

Entre as novidades máis importantes, das que vos iremos informando progresivamente, está a da aplicación xeral das sancións por retraso na devolución dos documentos. Ata o de agora, unha persoa usuaria da nosa biblioteca con libros pendentes de devolver podía facer uso do servizo de préstamo de calquera outra biblioteca da que tivese carné. Unha vez que todos os centros pasen a formar parte da mesma rede, a sanción nunha das bibliotecas bloqueará o carné no resto delas, suspendendo o servizo en toda a rede.

Por iso é moi importante que todos os usuarios e usuarias que teñan libros, películas, revistas, CDs ou calquera documento da biblioteca fóra de prazo fagan a súa devolución o antes posible. De non facela antes da incorporación da nosa biblioteca á rede, este retraso pasará a constar no sistema xeral e imposibilitará o préstamo en todos os centros.

Lembrade que, para facilitar as devolucións, dispoñemos dun buzón que se atopa na porta principal (sala de adultos/as) e que podedes utilizar en calquera momento no que a biblioteca non estea aberta.

 

 

Etiquetas: 
Devolucións
retrasos
Sancións
carné único
KOHA