Do depósito ao teu fogar

Os libros expurgados durante este verán estarán á vosa disposición
Como viñemos facendo en anos anteriores, este verán realizamos unha tarefa de expurgo na biblioteca. Revisamos arredor de 1.000 volumes que estaban no depósito, e decidimos separar para dar de baixa a gran maioría, principalmente por seren exemplares duplicados ou triplicados.
Neste lote expurgado temos de todo un pouco: contos infantís que encantaron a xeracións de crianzas, novelas e poesía para público adulto, e mesmo algúns materiais temáticos como catálogos de exposicións de arte. Son libros que xa cumpriron o seu ciclo nos andeis da biblioteca, pero que aínda teñen moito que ofrecer.
Eleximos este mes de outubro, mes no que se celebra o Día internacional das bibliotecas, para poñer todos estes materiais á vosa disposición. Se queres darlles unha nova vida, pasa pola planta baixa da sección de adultos/as a partir do mércores 1 e escolle os teus favoritos. Podes levalos para a casa sen necesidade de devolución.
Un libro que cambia de mans é unha historia que renace. Agardámosvos!
Os materiais estarán expostos ata final de mes ou ata esgotar existencias.
Engadir comentario