Exposición de pintura de Crisanto Poveda
O pintor naronés expón a súa obra na Sala de exposicións da biblioteca
A sala de exposicións da planta soto da biblioteca acollerá entre o venres 25 de marzo e o venres 8 de abril unha exposición do pintor Crisanto Poveda.
Crisanto Poveda Gallego é un mestre xubilado veciño de Narón. A súa formación na arte é eminentemente autodidacta aínda que durante a súa xuventude recibiu aulas de José Leyra e Tomás Barros. A súa posterior iniciación no mundo da acuarela foi da man dos pintores Francisco Rey e Manuel Gandullo.
Actualmente Poveda Gallego é membro do grupo pictórico Narart, co que ten realizado exposicións colectivas en Ferrol, Valdoviño e Neda. De maneira individual o pintor naronés expuxo en varias ocasións nos concellos de Ferrol, Pontedeume, Valdoviño, Cerdido e San Sadurniño.
A técnica empregada nas case trinta obras que compoñen esta exposición son óleo, acrílico e acuarela. A súa temática é variada aínda que predominan as paisaxes tanto de costa coma de interior da nosa comarca; imaxes cheas de luz e de doada lectura para as persoas espectadoras que de seguro recoñecerán moitos dos escenarios.
O horario de visita da mostra é:
► De luns a venres de 17:00 a 20:00 horas.
► Sábados de 10:00 a 13:00 horas.
O autor estará presente o venres 25 ás 18:00 horas para falar da súa obra coas persoas que se queiran achegar para ver a exposición. Se algún grupo (centro educativo, asociación, centro cívico...) quere facer unha visita guiada polo autor pode poñerse en contacto con nós no 981382173 para fixar a data.
Complementariamente máis cadros de Crisanto Poveda estarán expostos nos locais comerciais da Rúa Médico Valero. Poderedes velos nos escaparates de B3, A Despensa das delicias, Diséñate Mercería, Asesoría a Faísca e Óptica Valero.
Engadir comentario