Exposición de traballos da Asociación artístico-cultural Mesturas.

mércores, 4 de Xuño de 2025

Unha nova mostra de artesanía local na biblioteca

Do martes 10 ao venres 20 de xuño, a nosa sala de exposicións acollerá unha mostra dos traballos realizados polo alumnado da Asociación artístico-cultural Mesturas ao longo do curso 2024-2025.

A mostra reúne unha selección de pezas elaboradas nos talleres de Cerámica, Pintura e restauración e Costura creativa, nos que participa alumnado de todas as idades. Trátase de actividades nas que, a partir das orientacións do profesorado, cada persoa desenvolve a súa propia creatividade, enxeño e expresión artística.

No taller de cerámica, a imaxinación toma forma a través do barro —gres, caolín, refractaria, Buño ou arxila vermella— para crear pezas decorativas, utilitarias ou puramente artísticas.

No taller de pintura e restauración, explóranse diferentes técnicas (acrílico, óleo, pastel, acuarela, vidreira, etc.) aplicadas a diversos estilos e soportes. Asemade, no eido da restauración, dáselles unha segunda vida a obxectos deteriorados polo tempo como reloxos, espellos ou pequenos mobles. A pintura tamén se aplica en proxectos de manualidades e personalización de pezas como camisetas, bolsas, paraugas ou cristais.

No taller de costura creativa, recupéranse prendas esquecidas e créanse novos obxectos —bolsos, disfraces, neceseres, prendas orixinais— empregando técnicas de patronaxe e moita imaxinación.

As actividades que desenvolve a Asociación artístico-cultural Mesturas están abertas a persoas de todas as idades. Ata o de agora, a maior parte do alumnado estaba composto por persoas adultas, mais no obradoiro de pintura e restauración xa comezaron a participar tamén nenos e nenas, o que abre novas posibilidades de expresión para os máis pequenos/as. Dende a asociación agardan que no vindeiro curso se animen moitas máis familias a sumarse e descubrir xuntas o pracer de crear.

A exposición é unha oportunidade para coñecer o traballo artístico dunha comunidade diversa e creativa, e para achegarse aos resultados dun proceso de aprendizaxe no que o máis importante é o entusiasmo, a experimentación e a expresión persoal.

Poderase visitar a exposición:

  • De luns a venres de 17:00 a 20:00.
  • Sábados de 10:00 a 13:00.

 

 

Etiquetas: 
Exposicións
Artesanía
Obradoiros
Costura
Cerámica
Pintura