Exposición Hildegart Rodríguez Carballeira

xoves, 1 de Marzo de 2018

A sala de exposicións da biblioteca acolle unha mostra cedida polo Ateneo Ferrolán.

Do 1 ao 15 de marzo e dentro dos actos cos que o Concello de Narón conmemora o Día internacional das mulleres, a biblioteca acolle unha exposición cedida polo Ateneo Ferrolán sobre  Hildegart Rodríguez Carballeira.

Hildegart naceu en 1914, filla da ferrolá Aurora Rodríguez Carballeira. Foi unha das figuras que máis e mellor contribuiu no seu tempo á liberalización e participación da muller na sociedade. Publicou unha decena de libros e foi colaboradora de publicacións como Renovación, El Socialista, ou La Tierra. As tráxicas circunstancias da súa morte fixeron dela unha personaxe moi recreada en novelas, obras de teatro e películas.

Os materiais expostos son produto dos traballos do congreso que o Ateneo Ferrolán e a Comisión para a recuperación da Memoria Histórica celebraron en 2014, ano no que se cumpría un século do nacemento de Hildegart. Máis dunha vintena de autores e autoras presentaron os seus traballos de investigación sobre a figura de Hildegart, os temas presentes na súa obra e o momento histórico que lle tocou vivir.

A exposición que a biblioteca acolle durante esta quincena consta de 16 paneis que dan conta da vida de Hildegart a partir dos traballos presentados no congreso.

A mostra pode visitarse do 1 ao 15 de marzo no seguinte horario:

  • De luns a venres: de 17:00 a 20:00 horas.
  • Sábados: de 10:00 a 13:00 horas.

 

 

Etiquetas: 
Ateneo Ferrolán
Hildegart Rodríguez Carballeira
Exposicións
Mostras
Día internacional das mulleres