Faladoiro sobre hixiene menstrual e endometriose

mércores, 22 de Maio de 2024

A asociación QuerEndo, mulleres con endometriose, comparte unha xornada de información crucial para toda a cidadanía

En conmemoración do Día da Hixiene Menstrual (28 de maio), a biblioteca organiza un faladoiro informativo a cargo da asociación QuerEndo: mulleres con endometriose (asociación de mulleres afectadas por esta doenza).

Nesta sesión participarán as membros da directiva de QuerEndo, Sara Iglesias Sánchez (presidenta) e Rosa Calvo Carballeira (vogal), quen compartirán a súa experiencia e coñecemento sobre temas esenciais relacionados coa saúde menstrual.

O faladoiro estruturarase en varios puntos:

  • Coñecer a endometriose: Abordarase que é a endometriose, como afecta ás mulleres, os seus síntomas e o traballo que realiza QuerEndo para apoiar ás afectadas.
  • Entender o ciclo menstrual: Explicación das diferentes fases do ciclo menstrual, as súas características, e desmentir algúns mitos comúns sobre o ciclo.
  • Opcións para a recolección do sangrado: Información sobre as diversas opcións dispoñibles para a recolección do sangrado menstrual, incluíndo métodos menos coñecidos pola maioría.

Aínda que o faladoiro está enfocado en temas que afectan principalmente ás mulleres, todo o relacionado coa endometriose e o ciclo menstrual repercute tamén na saúde e ao benestar de todas as persoas. É por iso que convidamos a toda a cidadanía a compartir esta xornada de información.

O acto terá lugar o martes 28 de maio ás 18:30 na sala multiúsos da planta soto e está aberto ao público ata completar o aforo dispoñible da sala.

 

 

Etiquetas: 
Endometriose
Hixiene menstrual
QuerEndo
Faladoiros