Falarmos...nós! Novo grupo de conversa en galego

A biblioteca pon en marcha un grupo de conversa en galego, unha actividade promovida pola Deputación Provincial da Coruña para falar, escoitar e compartir en galego nun ambiente próximo, tranquilo e sen presións.
A partir do vindeiro mes de febreiro poñemos en marcha Falarmos... nós, un grupo de conversa en galego para persoas que queren usar máis a nosa lingua no seu día a día ou mellorar a súa expresión oral nun ambiente seguro e acolledor. Unímonos así a este proxecto impulsado pola Área de lingua da Deputación da Coruña, que aposta por crear espazos reais de uso da lingua baseados na participación e na conversa.
Non é unha clase nin hai leccións nin deberes: xuntarémonos para falar, rir, dubidar, equivocarnos e avanzar xuntas e xuntos.
O grupo contará cun número reducido de participantes, o que facilita a interacción, e cunha ou dúas persoas dinamizadoras que propoñerán temas e coidarán de que todo o mundo teña voz.
Este espazo está dirixido tanto a persoas que saben falar galego pero non o usan habitualmente como a aquelas que están en proceso de aprendizaxe e queren gañar soltura. O único requisito é entender a nosa lingua e ter ganas de participar e de darlle un pouco máis de espazo ao galego na vida cotiá.
Falaremos de cultura, actualidade, experiencias persoais, música, libros, viaxes ou de calquera outro tema que esperte o interese das persoas participantes, sempre desde o respecto e a escoita activa.
Para participar será necesario inscribirse a partir do martes 27 de xaneiro ás 16:00 horas, ben de maneira presencial na propia biblioteca ou chamando ao 981382173 en horario de apertura.







Engadir comentario