Invitación da Concelleira de Ensino e Bibliotecas
O Concello de Narón acolle durante todo o mes de maio, dentro do programa de accións socieducativas na rede bibliotecaria municipal “Bibloespazo 3”, a exposición “Os rostros do Comercio Xusto” da Asociación Galega de Reporteiros Solidarios (Agareso) e a ONGD Amarante Setem. A mostra, instalada na biblioteca municipal, pode visitarse en horario de luns a venres de 9:30 a 13:30 pola mañá e de 16:00-21:00 horas pola tarde, mentres que os sábados vai de 10:00 a 13:00 horas.
O vindeiro venres 25 de maio ás 19:00 horas, o Concello de Narón proxectará o documental “Pequenas doses de supervivencia. Os rostros do comercio ecuatoriano” referido ao mesmo proxecto. Tanto o filme como a exposición pretenden amosar o proceso de cambio que se produciu nas comunidades agrícolas ecuatorianas grazas ao comercio xusto e a cooperación internacional.
O documental amosa a realidade do comercio xusto dende a óptica das tres grandes áreas do proceso produtivo: a colleita, a manufactura do produto e a distribución e venta tanto no comercio local como no exterior do país. Nárrase a situación actual deste proceso, a través das experiencias vitais do propio campesiñado e do seu traballo nalgunha das liñas produtivas do comercio xusto.
Durante quince días, os reporteiros Álex Espiño, Juan de Sola, Carlos Fariña, Rita Pérez e Miguel Núñez percorreron diversas provincias de Ecuador co obxectivo de reflectir a través dun documental, dunha exposición fotográfica e dun blog informativo, o labor que realiza a asociación Maquita no país para apoiar o comercio xusto a través da comercialización dos produtos de diversas cooperativas que se dedican á produción de cacao, cana de azucre e cítricos. Produtos que despois por canles de exportación de comercio xusto chegan a nos por medio das liñas de comercialización de ONGD coma Amarante Setem.
O concello de Narón quere convidalo/a á visita da exposición e á proxección do documental “Pequenas doses de supervivencia. Os rostros do comercio ecuatoriano” e o posterior debate coa participación dos colaboradores no proxecto, o venres día 25 de maio ás 19:00 h na sá multiusos da biblioteca municipal.
Engadir comentario