Ludoteca, un espazo para aprender xogando

mércores, 29 de Xullo de 2026

Neste mes de agosto a biblioteca acolle unha exposición que percorre a historia da Ludoteca Municipal de Narón a través de fotografías, traballos e xogos realizados ao longo dos últimos anos.

Durante todo o mes de agosto, a biblioteca acollerá unha exposición organizada en colaboración coa Ludoteca Municipal de Narón. Esta mostra é unha pequena viaxe nostálxica a través do tempo que permitirá descubrir a evolución deste servizo ao longo de máis de vinte anos.

A mostra reúne fotografías, traballos e xogos realizados por nenos e nenas participantes nas distintas actividades da Ludoteca. Este percorrido reflicte o funcionamento e a evolución do servizo, os milleiros de tardes compartidas con amizades e o profundo impacto que o xogo ten no desenvolvemento integral da infancia.

A exposición é tamén unha oportunidade para coñecer de preto o traballo que a Ludoteca vén desenvolvendo desde hai máis de dúas décadas, os valores que promove e a importancia do xogo como ferramenta de aprendizaxe, creatividade e convivencia.

Quen a visite atopará moito máis que unha colección de fotografías e creacións: descubrirá recordos compartidos, proxectos cheos de imaxinación e unha pequena mostra de todo o que pode chegar a construírse cando aprender e xogar van da man. Esta mostra é unha invitación tanto para quen formou parte da historia da Ludoteca como para quen queira coñecela por primeira vez.

Podedes visitar a exposición:

  • Mañás de martes a venres de 10:00 a 13:00.
  • Tardes de luns e mércores de 18:00 a 21:00.

 

O servizo de Ludoteca municipal de Narón está cofinanciado polo Plan Corresponsables. Ministerio de Igualdad, Gobierno de España.

 

 

 

Etiquetas: 
Ludoteca municipal
Exposicións
Xogos
Ocio educativo