Mesa de conversa en inglés

martes, 3 de Outubro de 2017

A biblioteca ofréceche un espazo distendido onde poñer en práctica os teus coñecementos de inglés e mellorar o teu nivel

España é o país da Unión Europea con peor nivel de inglés. Ninguén dubida que, en termos xerais, o dominio desta lingua é algo que aínda se nos resiste. Un dos maiores obstáculos á hora de incrementar o noso nivel é a vergonza que temos para falar inglés en público e a desconfianza na nosa capacidade de facelo.

A pesar de que as tecnoloxías (as redes sociais, Internet, as series en versión orixinal) poden axudarnos na adquisición de vocabulario e na comprensión da lingua, a nosa asignatura pendente segue sendo a expresión oral.

A biblioteca ofrece dende fai máis dun ano un espazo onde poder poñer en práctica todo o que sabes (que é moito máis do que pensas) e desenvolver o teu nivel en inglés. Nun ambiente distendido practicaremos diálogos e conversas clave para poder comunicarnos en diferentes ámbitos da nosa vida cotiá.

Todos os luns haberá dúas sesións de Mesa de conversa en inglés coordinadas por un monitor ou monitora.

  1. De 17:15 a 18:15: Quitaóxidos I. 
  2. De 18:15 a 19:15: Quitaóxidos II. 

O nivel Quitaóxidos I está orientado a persoas que se desenvolven cun nivel medio, capaces de manter unha conversa básica sobre algún aspecto concreto ou ser autónomas nunha viaxe a un país anglófono.

O nivel Quitaóxidos II vai destinado a persoas cun nivel máis fluido de conversa.

A participación nestas mesas de conversa é libre e de balde. Cada mércores ás 9:30 abriremos a lista de reserva para participar nas sesións do luns seguinte.

As reservas poden facerse na propia biblioteca ou chamando ao 981382173 en horario de apertura. No momento da inscrición deberás indicar o nivel no que queres participar (se non o tes moi claro proba co nivel que consideras que tes e tras a primeira sesión o coordinador ou coordinadora indicarache se che convén máis o outro).

O mércores 16 de xaneiro abrimos a lista de reservas para a primeira sesión deste ano, que será o luns 21 de xaneiro.

Non o dubides e participa!

 

 

Etiquetas: 
Conversa
Inglés
Biblioespazo 2019