O meu libro é para ti

xoves, 18 de Marzo de 2021

Celebramos o Día internacional do libro intercambiando os nosos libros favoritos.

A situación sanitaria que estamos a vivir xa nos impediu celebrar en abril de 2020 todas as actividades que tiñamos programadas para conmemorar o Mes do libro.

Este ano tamén se nos complica a tarefa de compartir actividades presenciais nas que todos e todas poidades participar de maneira conxunta, pero aínda así non queremos deixar pasar esta data tan especial sen facer algo que vos implique.

Inspiradas polo proxecto Libros que importan  queremos trasladar esta iniciativa aos usuarios e usuarias da nosa biblioteca nunha adaptación á que chamaremos O meu libro é para ti.

 

En que consiste a actividade?

Cada persoa participante agasallará o seu libro favorito a outra persoa e, do mesmo xeito, recibirá unha lectura que é especial para alguén.

Haberá un número máximo de envíos, polo que é necesario inscribirse na actividade. Podedes facelo de maneira presencial ou chamando ao 981382173 en horario de apertura. O prazo de inscrición iníciase o luns 22 de marzo e estará aberto ata o mércores 31 de marzo.

Procedemento:

1. En primeiro lugar pensa nunha lectura que che guste especialmente ou que marcara a túa vida dalgún xeito. Localiza ese libro nos teus andéis ou mércao de novo na librería do teu barrio.

2. Escribe nas primeiras follas do libro o motivo polo que che gusta tanto ou polo que é especial para ti (porque foi un agasallo dun ser querido, porque cambiou o teu modo de ver a vida, porque era o que lías ao teu fillo/a cando era pequeno/a,…).

Esta dedicatoria é moi importante porque é o que lle da sentido a esta actividade e a diferencia dun simple intercambio de libros. Podes engadir o teu nome nela ou escribila de maneira anónima.

3. Fainos chegar o libro á biblioteca. Podes traelo ti mesmo/a ou envialo por correo ordinario a:

Biblioteca Pública Municipal de Narón

R/ 25 de xullo, s/n, 15570 Narón, A Coruña

Ten en conta que o teu envío debe chegar antes do venres 9 de abril para que o libro poida pasar unha semana de corentena antes de ser enviado a outra persoa.

4. Agarda a recibir na túa casa (ou recoller na biblioteca) o libro especialmente adicado por outra das persoas participantes.

Quen pode participar?

► A actividade está aberta a usuarios/as de todas as idades. 

► Os envíos de libros só se farán dentro do territorio español. Por favor, ten isto en conta se queres participar enviando o teu libro por correo postal.

 

Importante: en ningún caso compartiremos os teus datos persoais con ninguén. O libro que ti nos fagas chegar será entregado a outro usuario ou usuaria na biblioteca ou remitido por correo dende aquí. O teu nome figurará na dedicatoria só se ti o decides.

 

Etiquetas: 
Día internacional do libro
Biblioespazo 2021
Intercambio de libros