Os máis lidos abril-maio-xuño 2015

xoves, 9 de Xullo de 2015

A lista dos dez títulos máis solicitados polos lectores/as da biblioteca durante os meses de abril, maio e xuño de 2015

Os máis lidos abril, maio e xuño de 2015

  1. Crímenes que no olvidaré, de Alicia Giménez Bartlett
  2. El misterio de la peregrina, de Ricarda Jordan
  3. Muerte en la Acrópolis, de Andrea Maggi
  4. Samba, de Delphine Coulin
  5. El secreto de Spandau, de Peter Lovesey
  6. After [2] : en mil pedazos, de Anna Todd
  7. Nosotras que lo quisimos todo, de Sonsoles Ónega
  8. Manual práctico para decorar con scrapbooking : técnicas tradicionales para transformar objetos cotidianos en piezas únicas, de Jaclyn Venter
  9. La señorita Mackenzie, de Antthony Trollope
  10. La Templanza, de María Dueñas

As historias de intriga e misterio ocupan os primeiros postos da lista de libros máis prestados neste trimestre.

Encabeza a nosa lista Crímenes que no olvidaréAlicia Giménez Barlett é quen de demostrar como tamén se pode ter en vilo ao lector con relatos curtos de non máis de 40 páxinas.  Xoga a  favor o tono humorístico, surrealista e desinhibido da voz narradora, a inspectora Petra Delicado, que serve de contrapunto á sordidez dos casos que ten entre mans.

Co segundo posto da lista traladámonos á Idade Media, para coñecer a historia dunha muller que o arrisca todo por amor. Ricarda Jordan (pseudónimo de Sarah Lark) continúa co xénero de novela histórica con El misterio de la peregrina facendo protagonista a unha muller que loita contra o seu destino e contra os que queren acabar con ela.

Andrea Maggi estréase como autor coa novela Muerte en la Acrópolis. Este autor revelación gañou o prestixioso concurso literario Io Scrittore de Italia. Con esta obra debut ofrécenos unha trama de misterio, amor, ambición, acción e poder na cidade de Atenas no século IV a.C.

A traxectoria como voluntaria de Delphine Coulin en París para atender, acoller, orientar e defender os dereitos dos extranxeiros e refuxiados en Francia, levou a esta autora a escribir unha novela sobre os inmigrantes sen papeis. As notas que tomaba a diario sobre esta experiencia, convertíronse en novela e pouco despois nunha adaptación cinematográfica onde Omar Sy da vida ao seu protagonista, Samba.

Co quinto posto da nosa lista voltamos ao xénero de intriga, en concreto ao thriller histórico. El secreto de Spandau narra un dos acontecementos máis importantes e estraños da II Guerra Mundial: a chegada de Rudlof Hess (número dous do Führer) a Gran Bretaña nun voo secreto dende a Alemaña nazi e cun plan de paz, tamén secreto, rubricado polo propio Hitler con Churchill como destinatario. As novelas ambientadas na II Guerra Mundial son recurrentes e na maior parte dos casos resultan atractivas para os nosos lectores e lectoras.

A novela xuvenil tamén ten cabida na lista deste trimestre. A saga After, de Anna Todd, parece consolidarse nese novo concepto de novela “novo adulto”. Aínda que a saga vai xa pola cuarta entrega, durante este trimestre o título máis prestado foi o segundo.

No sétimo lugar atopámonos con Sonsoles Ónega. Esta xornalista e escritora utiliza á protagonista de Nosotras que lo quisimos todo como voceira da muller do século XXI. É unha historia chea de humor e ironía que fala dunha muller que, coma tantas outras, vive a un ritmo frenético e ten que desenvolver moitos papeis á vez.

Manual práctico para decorar con scrapbooking : técnicas tradicionales para transformar objetos cotidianos en piezas únicas, meteuse este trimestre nos primeiros postos da lista moi posiblemente tras o Obradoiro de iniciación ao Scraobooking que ofrecemos no mes de abril aos nosos usuarios/as  e que tivo tanta demanda que tivemos que facer xa unha segunda sesión. Se estás interesado/a en iniciarte no scrapbooking podes atopar máis títulos sobre esta técnica na biblioteca.

La señorita Mackenzie ocupa o penúltimo lugar da lista. O seu autor, Anthony Trollope, foi un dos novelistas ingleses con máis éxito na época victoriana, pero esta obra non foi traducida ao castelán ata o de agora. Nela relátanse as dificultades ás que se enfrontaba unha muller solteira sen recursos económicos propios no século XIX.

No último posto atopamos La Templanza, a tan esperada novela de María Dueñas. Tras o éxito entre os nosos usuarios de El tiempo entre costuras (2009) e de Misión Olvido (2012), era de esperar a grande expectación que a súa nova obra ía suscitar. Se tivésemos en conta só o número de reservas desta obra, ocuparía o primeiro posto da lista. Pola cantidade de usuarios/as que están agardando a oportunidade de levala en préstamo poderiamos asegurar que no vindeiro trimestre seguirá sendo unha das obras máis prestadas.

Etiquetas: 
Lecturas
Reservas
Préstamos
2015