Outubro, mes da biblioteca

luns, 3 de Outubro de 2016

Coñece todas as actividades deste mes no que conmemoramos o Día mundial da biblioteca

Comezo do Club de Lectura Fácil

Na primeira semana de outubro terá lugar o primeiro encontro do primeiro grupo do Club de Lectura Fácil. Esta actividade está coordinada polo persoal da Asociación Nuestra Señora de Chamorro, que a ofrece a todas as persoas que podan estar interesadas.

lectura fácil é a adaptación de libros, documentos administrativos, páxinas web, etc que permite unha lectura e unha comprensión máis sinxela dun contido, eliminando barreiras para a comprensión, a aprendizaxe e a participación.

Cada grupo deste club reunirase unha vez ao mes para compartir e comentar lecturas validadas como “Lectura Fácil”.

 

Ángeles Alvariño, un ronsel de ardora

O sábado 8 de outubro celébrase o Día da ciencia en Galicia.

Na biblioteca rendémoslle homenaxe a Ángeles Alvariño, oceanógrafa ferrolá, cun contacontos  sobre a súa vida e obra a cargo de Polo correo do vento. O espectáculo leva por título Ángeles Alvariño, un ronsel de ardora, e combina conto con ilustración e música en directo.

O prazo para inscribirse nesta actividade comeza o luns 3 de outubro ás 16:00 horas e pode facerse de maneira presencial ou chamando ao 981 382 173 en horario de apertura.

Para nenos e nenas a partir de 3 anos.

 

Eu leo, eu son booktuber  (2ª edición)

O sábado 15 de outubro gravaremos vídeos nos que os usuarios e usuarias da biblioteca falarán das súas experiencias lectoras (libros ou temáticas que máis lles gustan, o seu “top-ten” literario…)

Os vídeos presentaranse o sábado 29 de outubro.

Para participar hai que poñerse en contacto coa biblioteca ata o martes 11 de outubro.

 

Mostra fotográfica A biblioteca está presente

Para salientar o papel das bibliotecas en todos os ámbitos da vida, das artes, da ciencia e da cultura organizamos unha exposición que poderedes visitar na planta baixa da biblioteca dende o luns 17 ata o sábado 29 de outubro.

 

Curso de manexo básico do smartphone

Dirixido principalmente a persoas con dificultades para o manexo das aplicacións básicas (fotos, mensaxería instantánea, correo electrónico…).

Do luns 24 ao venres 29 de outubro na aula de informática da Casa da mocidade.

É imprescindible inscribirse de maneira presencial na Biblioteca do Alto dende o luns 10 de outubro ás 9:30.

8 prazas por rigurosa orde de inscrición.

 

Trocolibros

Se tes libros na casa que xa non che interesan, esta é a túa oportunidade de trocalos por outros. O luns 24 de outubro durante toda a xornada haberá unha mesa disposta para o intercambio de libros na planta baixa.

Todas as persoas que o desexen poderán levar un dos libros da mesa, independentemente de se deixan outro a cambio ou non. O máximo de libros, tanto para donar como para levar, será de un por persoa.

 

Xornada de portas abertas

Visita guiada por todo o edificio da biblioteca para dar a coñecer todos os servizos e os espazos onde se desenvolven. Esta é unha boa opotunidade de visitar os espazos aos que os usuarios/as non tedes acceso.

Luns 24 de outubro en dúas quendas.

   11:00-12:00 para o público adulto

   18:00-19:00 para todas as idades

Para participar é necesario inscribirse a partir do mércores 19 de outubro ás 16:00 horas no mostrador da biblioteca ou chamando ao 981 382 173 en horario de apertura.

 

Biblioteca na rúa

O sábado 29 de outubro será o día grande das celebracións.

Levaremos a biblioteca á Praza de Galicia, para dende alí achegar a toda a cidadanía os servizos que ofrecemos.

Estaremos de 10:30 a 14:00 e de 16:30 a 19:30 e contaremos coas seguintes actividades:

   Pola mañá: Contacontos de 11:00 a 12:00

   Pola tarde: Obradoiros de 17:00 a 19:00

Non será necesario inscribirse.

Contamos con todos/as vós para esta xornada!

Etiquetas: 
Día Mundial da Biblioteca
Actividades
Biblioespazo 2016
Booktubers
Obradoiros
Contacontos
Xornada de portas abertas
Biblioteca na rúa