Pasarela a xuvenil

Nova selección de materiais para lectoras e lectores en tránsito da sección infantil á xuvenil
Na biblioteca sabemos que medrar como persoas vai da man de medrar como lectoras e lectores e este é un camiño propio, diverso e único para cada nena ou neno.
Queremos que a biblioteca siga sendo unha compañeira de viaxe en cada paso das nosas pequenas e pequenos usuarios e é por iso que poñemos en marcha unha nova selección especial de materiais: Pasarela a xuvenil.
Como sabedes, na biblioteca organizamos os espazos por idades para orientar a exploración lectora, pero sabemos que cada nena e cada neno teñen o seu propio ritmo. Os intereses, as capacidades e as ganas de ler non sempre encaixan nunha clasificación ríxida, e iso é algo que celebramos e respectamos.
A nosa sección xuvenil está chea de historias fascinantes: tramas máis complexas, personaxes que toman decisións importantes, libros que fan pensar, rir, soñar e mirar o mundo con outros ollos. Porén, ao estar situada nunha planta diferente á sección infantil, ás veces ese paso resulta menos natural do que nos gustaría, sobre todo cando se trata das primeiras incursións neste novo territorio lector.
A selección Pasarela a Xuvenil está pensada para nenas e nenos a partir dos 10 anos —ou antes, ou despois, segundo cada caso— que queren comezar a asomarse ao universo da lectura xuvenil. Trátase dunha escolma viva e dinámica, pensada para fomentar a curiosidade e as ganas de seguir lendo e medrando coa biblioteca.
Estará ubicada na na sala infantil para que sexa dende ese espazo xa familiar onde comecen os seus pasos por esta ponte entre dous mundos: o que xa coñecen e o marabilloso mundo que está por descubrir.
Engadir comentario