Préstamos sorpresa 2024
Novos lotes de contos, DVDs, CDs e máis documentos para levar en préstamo a cegas durante este Nadal.
Un ano máis volvemos coa nosa proposta estrela de cada Nadal. Este ano celebramos a undécima edición dos Préstamos de lotes sorpresa.
Que é?
Trátase dunha actividade para nenos e nenas aventureiros/as aos que non lles asusten os novos retos.
Na biblioteca temos preparados distintos lotes con documentos (libros, CDs, DVDs…) especialmente seleccionados pola súa calidade estética ou literaria. Os lotes están clasificados por idades, pero xa sabedes que o da idade é máis ben orientativo.
En que consiste a actividade?
Cada vez que un neno ou nena veña á biblioteca para levar libros a casa poderá elixir a cegas un número de lote do que descoñece o contido. O reto é que non abra o paquete ata chegar a casa. Dentro atopará unha serie de contos, libros didácticos, películas, músicas… (o contido varía en cada lote) seleccionados polo persoal da biblioteca.
Xa sabemos que nalgúns casos poida que o que seleccionamos non coincida moito cos seus gustos, pero sempre pode facer un pequeno esforzo para abrir a mente a novas experiencias e temáticas que igual ata o de agora nunca explorara.
Que lle pedimos a cambio?
- O compromiso de non abrir o paquete ata chegar a casa.
- O esforzo de botarlle un ollo a todos os materiais aínda que pense que non lle van gustar.
- Que nos responda ás preguntas que lle facemos na folla que atopará no paquete. É importante para nós saber se os materiais que seleccionamos lle gustaron ou non. Sen medo! Aceptamos todo tipo de críticas!
Participas?
Agardámoste na sección infantil da biblioteca dende o luns 23 de decembro ata o sábado 4 de xaneiro no noso horario de apertura habitual.
A Axencia de lectura municipal da Gándara participa unha mez máis nesta iniciativa, polo que podedes levar lotes sorpresa en préstamo nas mesmas datas no seu horario de apertura (luns a venres de 17:00 a 19:00 horas).
Engadir comentario