Presentación de "Aínda que te agoches"

xoves, 8 de Febreiro de 2024

A biblioteca acolle a presentación da primeira novela de Xosé Fernández

O venres 23 de febreiro ás 18:30 a biblioteca acollerá o acto de presentación da primeira novela de José Fernández Fernández, Aínda que te agoches.

Xosé Fernández (San Sadurniño, 1960) retomou o seu labor literario un pouco antes da pandemia de 2020. Dende entón escribiu tanto poesía (ten unha obra rematada e pendente de publicar) como a novela que agora nos presenta.

Aínda que te agoches é un relatorio de catro partes independentes con diferente temática pero cun eixo común: todas están centradas sobre todo no social cunha linguaxe sinxela e desenfadada. Nas narracións aparecen paisaxes da nosa contorna que nos será doado identificar.

O libro foi publicado por Medulia Editorial no pasado mes de decembro de 2023 e esta será a súa primeira aparición en público da man do seu autor e da escritora naronesa María Isabel Ramos Breijo.

Tras o acto de presentación as persoas que así o desexen poderán adquirir un exemplar.

 

 

 

Etiquetas: 
Presentacións
Encontros con autores/as
Biblioespazo 2024