Presentación de "Huida a mi espejo", de Milagro Gómez Brito

mércores, 23 de Agosto de 2023

A escritora venezolana presenta o seu libro na biblioteca

O luns 28 de agosto ás 19:30 a biblioteca acolle unha nova presentación literaria.

Nesta ocasión é a escritora venezolana Milagro Gómez Brito quen ven a dar a coñecer ao público en xeral o seu libro Huida a mi espejo.

Milagro Gómez naceu en Viento Fresco, un pequeno pobo do Estado Monagas, en Venezuela. O seu interese pola escritura naceu no seu fogar, onde vía ao seu pai ler a prensa diariamente e onde a súa nai escribía e lía poemas.

Coa súa familia participou en numerosas actividades culturais pero foron especialmente os recitáis de poesía os que espertaron en Milagro o interese por escribir. A autora recoñece nela a influencia de poetas venezolanos/as como Félix Antonio Calderón, Gustavo Pereira, Andrés Eloy Blanco, Ana Enriqueta Terán ou María Calcaño e de autores e autoras universais como Pablo Neruda, César Vallejo, Antonio Machado, Federico García Lorca ou Arthur Rimbaud.

Segundo as súas palabras, Huida a mi espejo, “nace do máis profundo do sentir dunha muller encerrada no seu silencio, no solipsismo atroz que a persiste como vestixio do tempo que transcorre nela deixando fendas non só na súa palabra senón tamén no espello do seu ser”.

O libro, recén saído do prelo, está publicado por Diversidad Literaria. As persoas que o desexen poderán adquirir un exemplar tras a presentación.

Acto aberto ao público en xeral ata completar o aforo dispoñible da sala.

 

 

 

Etiquetas: 
Presentación de libros
Encontros con autores/as
Poesía
Biblioespazo 2023